O secretario xeral do PSdeG encabezou hoxe en Santiago a representación socialista na manifestación de Queremos Galego, un acto que insistiu que “non é contra ninguén”, e asegurou: “Non temos futuro se non defendemos o noso idioma”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe en Santiago a importancia de “protexer, preservar e potenciar o galego”. Momentos antes de que a manifestación da plataforma Queremos Galego botase a andar desde a Alameda compostelá, o líder socialista asegurou: “Non temos futuro como país se non defendemos o noso idioma”.
Besteiro insistiu en que a mobilización da sociedade galega “non é contra niguén, senón a favor da lingua, e, sobre todo, é unha mensaxe clara” á Administración que ten a competencia nesa materia, “e especialmente ao PP”. Por ese motivo invitou a Rueda “a escoitar o que os galegos e as galegas dicimos hoxe, que hai que protexer o noso idioma”. Ao mesmo tempo, invitou a toda a cidadanía a “facelo no día a día”, non só en ocasións como a marcha deste mediodía na capital de Galicia.
O secretario xeral do PSdeG lamentou durante o percorrido ata a praza do Obradoiro que representantes do Partido Popular, como Elena Candia, tratasen de ridiculizar unha convocatoria que o único que pretendía reivindicar é que a lingua galega “ten que ocupar o lugar que lle corresponde, co apoio real das institucións”. “Non se lle pode dar as costas á xente como fixo o conselleiro de Sanidade cando máis de 62.000 persoas saíron ás rúas de Vigo a defender a sanidade pública”, dixo.
José Ramón Gómez Besteiro rexeitou tamén que a lingua se use como ferramenta de confrontación, xa que “é de todos e de todas, é un dereito, e sen ela non hai país”, polo que reafirmou o compromiso dos e das socialistas de defendéndoa “con orgullo e sen medo”.