O líder dos socialistas galegos ofrece un acordos con 5 eixos para acelerar a transición enerxética, clarificar a xestión dos fondos, presentar unha posición común en política pesqueira, recoñecer o galego como lingua oficial e desmarcarse do acordo de Feijóo con Meloni
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que “escape da posición frentista do PP” de Feijóo e abra a man a acordos para aumentar o peso e a influenza de Galicia en Europa. Besteiro empregou a sesión de control ao presidente para propoñer un acordo de país para que Galicia defenda unha posición unánime no Comité das Rexións do 19 e 20 de xullo.
O líder dos socialistas galegos lembrou que a posición frentista do goberno galego provocou o “portazo” de Meloni a Rueda, e do que dende hai 15 meses “non sabemos nada”. Propuxo por iso un gran acordo con 5 eixo, comezando por “escapar do acordo con forzas reaccionarias como o de Feijóo con Meloni en Italia” que, advertiu, representan “o fin de Europa” porque, dixo, “temos que traballar con Europa e non contra Europa”.
Tamén pediu acordar o apoio ao recoñecemento do galego como lingua oficial no Parlamento Europeo en base á proposta que presentarán os socialistas galegos no Parlamento de Galicia. En materia de transición enerxética, reclamou superar a inacción do goberno galego para “sacudirse o frenazo” e acelerar a descarbonización e aproveitar a oportunidade que presenta a implantación de enerxías limpas.
O portavoz do Grupo Socialista instou ademais ao presidente da Xunta a que atenda á alerta lanzada polo Consello de Contas e mellore a xestión dos fondos comunitarios, garantindo claridade na xestión e traballando para xerar acordos sobre proxectos estratéxicos. Propuxo un quinto eixo de acordo para acadar unha posición común galega nas reivindicacións en materia de pesca co obxectivo de influír nas negociacións sobre cotas e na política común de pesca.
Besteiro presentou esta proposta no marco da campaña das eleccións europeas do próximo 9 de xuño para que despois dos comicios “camiñemos cara unha Europa máis federal, con máis peso das comunidades autónomas e do mundo local”. O líder socialista reivindicou a importancia de que Galicia presente unha posición única co obxectivo de facer valer o seu peso nunha Europa máis forte, máis unida, na que as rexións e o ámbito local teñan un protagonismo importante.
Reclamoulle ao presidente da Xunta que se desmarque da posición do PP e recoñeza a importancia dos fondos de Recuperación neste momento e no futuro para Galicia. Afeoulle o seguidismo da posición contraria a estas partidas, como fixeron contra a Excepción Ibérica que conseguiron España e Portugal no mercado eléctrico e que supuxo o aforro de 700 euros de media por cada fogar entre os anos 2022 e 2023.
Explicou que os fondos europeos liberados logo da pandemia supuxeron unha axuda fundamental para a economía galega, mentres o PP se opoñía a unhas partidas que, sinalou como exemplo, supuxeron máis de 18 millóns de euros do Perte de descarbonización que chegarán a proxectos galegos como Resonac, Gestamp ou Ferroglobe.