O portavoz socialista anuncia unha oposición construtiva, rigorosa e firme con “man tendida” para acordos de país e “obsesión polos servizos públicos”
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe que os socialistas galegos afrontan o debate de investidura que comeza mañá esixíndolle ao candidato do PP “impulso político”, ademais de xestión transparente para os 4 anos da Lexislatura e a blindaxe dos servizos públicos. O responsable socialista anunciou unha oposición “construtiva, rigorosa e firme” con “man tendida para chegar a acordos de país”.
Besteiro adiantou que a “obsesión polos servizos públicos” protagonizará a súa intervención no debate de Investidura e a acción política de toda a Lexislatura. Puntualizou que “as nosas preocupacións están dirixidas á veciñanza de Galicia que ten que agardar máis de 15 días para a cita médica, 362 días para resolver o expediente da Dependencia -o dobre do prazo legal-, ou as dificultades para acceder á vivenda”.
Advertiu que Galicia “ten que asumir unha tarefa protagonista, que é o demandado e desexado pola cidadanía” de acordo co momento político e logo dunha “calma chicha excesiva” despois da rapidez amosada polo candidato do PP para adiantar a data electoral. Sinalou que mañá comezará un debate adiado dous meses logo de apurar subas salariais “in extremis” ou o apoio a sectores como os mariscadores ou os sanitarios “no último momento” antes do día das eleccións.
Engadiu que os socialistas despregarán nesta Lexislatura un “traballo constante” acorde coa súa “vocación de goberno”, que implica “responsabilidade e seriedade para dicirlle á xente non só o que quere oír”. Subliñou que “non nos preocupa tanto facernos notar como facer un bo traballo” no Parlamento de Galicia.
Altri
En resposta a preguntas dos xornalistas, o portavoz do Grupo Socialista emprazou á Xunta que explique os cambios notables entre os compromisos anunciados no proxecto de Altri para Palas de Rei e a realidade do proxecto que se vén de coñecer estes días. Advertiu que o goberno galego aínda “non abriu a boca” para explicar por que pasou de 2.500 a “300 ou 500 empregos”, e por que o declararon como proxecto estratéxico.
Reclamoulle ao goberno galego a que despexe as “suspicacias, incertezas e dúbidas” da cidadanía sobre o manexo da auga neste proxecto, así como a xestión dos lodos ou se vai poñer fin á moratoria sobre a plantación de eucaliptos en Galicia.
Advertiu que o goberno galego é “responsable” de patrocinar un proxecto no que no seu día “díxolles aos galegos e galegas cousas que agora non se demostran”. Besteiro comprometeuse na defensa da implantación de industrias sostibles con respecto estrito ao medio ambiente, pero advertiulle á Xunta que “hai cuestións que neste momento se teñen que contestar e non se pode un esconder”.
Alcoa
Con relación á situación da planta de Alcoa na Mariña, advertiu que o goberno galego sobre todo debe garantir que se ten lugar o proceso de venta debe facerse “respectando o acordo cos traballadores”. Reclamou que no caso de producirse, o proceso de venta debe estar tutelado polas administracións autonómica e estatal para garantir a viabilidade da planta e a “vocación de permanencia no tempo”.
Sinalou que os socialistas galegos manteñen hoxe a mesma posición dos últimos meses con relación á situación da empresa, que pasa por reclamar o cumprimento estrito do acordo entre a empresa e os traballadores.