O candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta esixe ao PP “unha alternativa para aparcar de balde no lugar de facer caixa tamén coa saúde”
Gómez Besteiro criticou no Complexo Hospitalario de Ourense o modelo privatizador do PP e puxo en valor que os descontos existentes no CHOU “conseguíronnos os compañeiros socialistas en 2018 e 2021”
Condenou o modelo da dereita porque “fai negocio coa sanidade, negocio privado co diñeiro público”
O deputado e candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que “os socialistas de Galicia temos claro o noso modelo: que en todos os hospitais públicos exista unha alternativa de aparcamento de balde e con capacidade para dar resposta a demanda dos usuarios destas instalacións”.
Neste senso, dixo que “nós non queremos sacar tallada da saúde, nós non imos facer caixa co que é de todos. Garantiremos que os galegos poidan ir ao seu Hospital de referencia sen ter que asumir costes abusivos que non lles corresponden”.
Besteiro estivo no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense solidarizándose cos pacientes e familiares, lamentando a complicada situación que se vive diariamente na contorna do hospital “e que é un exemplo do que teñen que soportar moitos galegos e galegas cando acoden aos hospitais do Sergas”.
Besteiro, que estivo acompañado polo senador socialista Rafael Rodríguez Villarino, a deputada provincial Margarita Martín e outros cargos do PSdeG de Ourense, denunciou que a Xunta de Galicia do Partido Popular segue facendo negocio coa sanidade pública: “O modelo que están a implementar por todos os hospitais na xestión dos aparcamentos públicos só responde a idea de facer caixa tamén coa saúde”.
O socialista explicou que “coa escusa das necesarias e urxentes ampliacións dos hospitais, desaparecen as prazas en superficie de balde que existían nas proximidades,” e son substituídas por aparcamentos construídos con cartos públicos pero xestionados por empresas privadas que impoñen prezos abusivos aos usuarios”.
Besteiro condenou o modelo da dereita porque “fai negocio coa sanidade, negocio privado co diñeiro público”.
Os socialistas conseguiron rebaixas
En concreto, sinalou que en Ourense hai dous aparcamentos, ambos xestionados por empresas privadas. O Santa María Nai, que conta con 800 prazas, é agora máis barato “grazas a insistencia dos socialistas na Deputación que conseguiron en 2018 unha redución das tarifas dun 54%, e no ano 2021 tamén prazas de balde para pacientes que reciben tratamentos médicos de enfermidades crónicas ou de longa duración”.
O outro aparcamento da Xunta de Galicia, inaugurado no 2019 con 433 prazas, tamén está xestionado por unha empresa privada e as tarifas distan moito de ser económicas e accesibles para os usuarios.
En definitiva, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que ofrece atención sanitaria a un 240.820 galegos, conta para todo o distrito sanitario con 1.233 prazas de aparcamento, todas elas de pago.
“Si se quere, se pode, como fixemos coa AP-53”
O candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG criticou a falta de vontade política por parte da Xunta de Galicia para solucionar este problema. “Dende logo non se pode dicir que é a mesma vontade que ten o Goberno de Pedro Sánchez ao saldar unha débeda histórica coa Galicia interior bonificando as peaxes da autoestrada AP-53 entre Santiago e Ourense. Unha bonificación dun 75% beneficiará á 7.000 familias galegas que percorren esta autoestrada diariamente”. Para Besteiro este é un bo exemplo de que “si se quere, se pode”.