O secretario xeral dos socialistas galegos e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista celebrou o acordo acadado esta mañá no Consello de Ministros que bonifica a AP-53 ao 75%, igualando as condicións da AP-9 e facilitando a mobilidade entre Compostela e Ourense
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes no Parlamento de Galicia o rexistro dunha proposición non de lei que insta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que “apoie a petición do Concello de Vigo esixindo á Federación Española de Fútbol a publicación de todos os criterios e puntuacións das candidaturas presentadas” ao Mundial 2030. Ao tempo que reclamou a destitución inmediata do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tras facer afirmacións “gravísimas e intolerables” sobre a exclusión da cidade.
Besteiro lembrou que Diego Calvo, nunha carta oficial remitida ao alcalde de Vigo, afirmou literalmente:
“Sentimos que as posibles carencias que puidese ter a proposta olívica xunto coa ausencia de influencia do Goberno local, non permitisen a Vigo pasar o corte.”
Unhas palabras que, segundo denuncia Besteiro, recoñecen abertamente que a selección das sedes non se fixo en base a criterios técnicos ou obxectivos, senón á influencia política, algo que “desacredita por completo o proceso” e deixa en evidencia que Vigo foi prexudicada polo sistemático enfrontamento do PP coa cidade.
A iniciativa tamén dirixe a súa atención ao actual presidente da Real Federación Española de Fútbol -expresidente da Deputación de Pontevedra co PP-, Rafael Louzán, de quen se sinala que fixo pública a exclusión de Vigo “antes de calquera tipo de comunicación oficial ao Concello” e sen publicar os supostos criterios aplicados.
Para os socialistas, trátase dunha actuación “inaceptable, que evidencia a opacidade coa que se moveu todo o proceso e a falta de respecto institucional cara unha cidade como Vigo”.
O texto rexistrado tamén insta á Xunta a esixir explicacións inmediatas a Louzán e a reclamar a entrega de “toda a documentación e actas asinadas electronicamente sobre o proceso de selección das candidaturas”.
A isto súmanse as revelacións do xornal El Mundo, que apuntan a que a Federación “manipulou as puntuacións do Mundial 2030 para deixar fóra a Vigo e meter a Anoeta”. Segundo esas informacións, Balaídos acadaba no informe técnico inicial o posto 11, suficiente para ser sede, pero 48 horas despois a puntuación foi alterada sen explicación coñecida. Ademais, ignoráronse criterios recomendados polo Goberno de España como a proximidade con Portugal.
Para Besteiro, todo este proceso confirma o que o Concello de Vigo xa denunciara en xullo de 2024: “unha actuación marcada pola opacidade, a improvisación e os intereses políticos”, que danou gravemente unha candidatura sólida, solvente e con débeda cero.
“Estamos ante unha nova chanchullada do PP xogando a tapar decisións políticas usando as institucións deportivas”, advertiron os socialistas. “Rueda xa non pode seguir calado. Ou está co seu partido, ou está con Vigo”.
Bonificacións na AP-53
O líder socialista destacou tamén o cumprimento por parte do Goberno de España dun compromiso clave para a mobilidade interior de Galicia: a aprobación no Consello de Ministros da bonificación do 75% para os usuarios recorrentes da autoestrada AP-53, que conecta Santiago e Ourense.
Tal e como defenden os socialistas, trátase dunha medida de xustiza que equipara esta vía coas condicións xa vixentes na AP-9, e que responde a unha reivindicación histórica do PSdeG: “Cando ninguén falaba da AP-53, fomos os socialistas quen puxemos enriba da mesa a necesidade de acabar coas desigualdades e aliviar os custes de mobilidade para a Galicia interior”, sinalan.
A autoestrada, construída polo PP con peaxes desproporcionadas, condicionou durante anos a conectividade entre a capital galega e Ourense. Agora, con estas bonificacións, a mobilidade faise máis accesible e equitativa.
“Dixemos que sería unha realidade antes de rematar o primeiro trimestre de 2025, e cumprimos. A diferenza doutras administracións, o Goberno progresista cumpre cos compromisos adquiridos con Galicia”, concluiu.