“Somos a esquerda que sabe gobernar e a nosa receita é máis economía, máis emprego e mellor sanidade”
Apela á mobilización das mulleres, “porque o seu voto poderoso é o que vai cambiar Galicia”
Para o candidato socialista “o verdadeiro programa do PP é votar en contra dos 800.000 galegos e galegas que teñen unha pensión”
Lugo, 1 de febreiro de 2024.- O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou esta tarde en Lugo a campaña das autonómicas nun acto que serviu como pegada dixital do cartel electoral, que puido verse durante a súa intervención. Nunha abarrotada praza de Santa María na que se congregaron máis de 600 persoas, subliñou que “o mellor que lle pode pasar a Galicia é votar cambio o día 18”. Para iso, puxo ao Partido Socialista como “sinónimo de solucións coa receita de máis emprego, máis economía e mellor sanidade”. Acompañado pola vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, anticipou “unha campaña intensa e de moita ilusión, que terá a meta final no cambio”. Nestes 15 días, dixo, “o PSdeG estará presente en todo o País para mobilizar á inmensa maioría dos galegos e galegas que queren pór fin ao baleiro, o estancamento e a falla de proxecto do PP”.
Besteiro apelou a “unha campaña limpa fronte a crispación” e incidiu en que “os socialistas imos falar do que realmente lle preocupa a xente, dos seus problemas reais, de como imos atender as súas necesidades sen entrar en debates estériles e polémicas que nada teñen que ver con Galicia”. “Somos o partido das solucións fronte os problemas, o partido da verdade fronte o partido da mentira, o partido da tolerancia fronte o da crispación”, incidiu.
Resumiu o programa electoral do PP en “vou facer nos próximos catro anos o que non fixen nos últimos quince” e asegurou que “o verdadeiro programa do partido de Rueda é votar en contra dos 800.000 galegos e galegas que teñen unha pensión”. En contraposición insistiu en que o PSdeG “ten capacidade, ambición, experiencia e influencia en España para cambiar Galicia a mellor”.
Lugo
Besteiro mostrouse “orgulloso” de ser lucense, motivo polo que dixo “ter claro desde sempre que cando chegase este momento quería encabezar a candidatura dende a miña casa”. “Esta é unha declaración de principios, quero que os galegos saiban e comprendan que van ter un presidente de Galicia que entende a costa e a Galicia do interior”, afirmou entre aplausos.
O candidato socialista á presidencia da Xunta explicou que na provincia de Lugo os anos de goberno do Partido Popular provocaron unha fenda cada vez máis profunda entre as dúas realidades do noso país. Deste xeito, asegurou que “un dos meus obxectivos na Xunta será poñerlle fin á Galicia de dúas velocidades, impulsando un desenvolvemento equitativo e igualitario para todos”.
Mobilización da muller
Besteiro fixo fincapé durante a súa intervención en que o 18F supón “unha oportunidade única para que as cousas comecen a ir ben na nosa terra”. Así, clamou para que Galicia “tome o control do seu futuro” e non dependa “dos mesmos que levan anos sen facer nada”.
Fixo un chamamento particular á mobilización das mulleres, apelando ao seu “voto poderoso, porque é o que vai cambiar Galicia”. “Grazas a elas hoxe temos un goberno progresista en España e cos socialistas na Xunta, xamais se dará un paso atrás na loita contra a violencia machista, nin se concederá nin un milímetro do camiño feito pola igualdade”, destacou.
Finalmente insistiu en que “se o día 18 todos os progresistas votamos o PP perde”, reiterando que “o socialista é o proxecto de cambio real, da esquerda que sabe gobernar e o noso equipo é o que vai levar a Galicia ao lugar que merece estar”, concluíu.
A vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, tamén puxo o foco nas mulleres, das que afirmou “van levar a ombros a Besteiro á Xunta de Galicia”. Recordou que “co voto do partido de Rueda os pensionistas galegos non verían incrementada a súa pensión” e que “votaron en contra da rebaixa da factura da luz, ou do incremento das becas”. “Polo tanto”, indicou, “sobran os motivos para saír a votar, para que Galicia non se resigne a seguir no vagón de cola cun goberno que só sabe confrontar co goberno de España para tapar a súa incompetencia en sanidade, educación ou emprego”.
Polo seu lado, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou de “histórica” a oportunidade que se abre en Galicia nos próximos catro anos cos fondos de recuperación. “Para aproveitala”, dixo, “precisamos un presidente coma Besteiro, que non poña paus nas rodas, que reme na mesma dirección e que teña influencia e contacto directo co presidente Pedro Sánchez”.
A número dous por Lugo, Lara Méndez, reclamou un “Besteiro presidente” porque “queremos un Lugo e unha Galicia para a xenrte”. Puxo en valor ao candidato como “un veciño que lle pon cara aos problemas é que lle busca solucións, que é o que se precisa para saír do inmobilismo do Partido Popular”.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, falou da necesidade dun Goberno con Besteiro “porque xa temos goberno socialista en España, na Deputación e nunha cidade que xa non comulga con “ruedas” de muíño”.