O candidato á Xunta do PSdeG propón realizar dous debates de ámbito autonómico e catro por provincias para “baixar a política dos próximos anos en Galicia tamén aos territorios”
Sinala que os socialistas creen na “forza e nas oportunidades deste país” e que van a “loitar con propostas” contra un PP que quere que a cidadanía non se implique na campaña
Critica que “esta campaña ven organizada dende Génova” e remarca que “os galegos nos merecemos unha campaña centrada nos problemas e nos asuntos que temos que resolver aquí en Galicia”
A Coruña, 22 de decembro de 2023. José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, emprazou este venres a Alfonso Rueda a realizar seis debates ata a celebración das eleccións nos que se falen dos asuntos “100% galegos”.
Besteiro fixo estas declaracións no transcurso dun almorzo informativo con xornalistas celebrado este venres na cidade da Coruña e no que estivo acompañado da dirección do PSdeG, o secretario xeral, Valentín Formoso, o secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, e a vicesecretaria xeral, Lara Méndez, no día inmediatamente posterior a que o presidente da Xunta anunciase o adianto das eleccións autonómicas para o 18 de febreiro do vindeiro ano.
O candidato socialista propón a realización de seis debates no marco da campaña, sendo dous deles de política xeral galega e os catro restantes con asuntos territorializados por provincias cos que busca para “baixar a política dos próximos anos en Galicia tamén aos territorios”.
Os socialistas afrontan “este inicio de campaña coa previsión de que o PSdeG vai aportar ao futuro de Galicia un impulso necesario. Galicia está crecendo moito menos que España, está perdendo oportunidades e é froito dun goberno galego que en vez de aproveitar as oportunidades, poñer paos nas rodas e perder ese impulso da cogobernanza, que é o momento que España está vivindo en Europa”, asegurou o seu candidato.
“SEN MEDO A DEBATER”
Besteiro sinala que fronte a un PP que convocou unha campaña coincidindo coas festas do Nadal e o Entroido para “evitar que a cidadanía se implique” no proceso, os socialistas están decididos a “loitar contra iso” xa que son “os que defendemos as propostas, os acordos, as discusións, os debates políticos”, asegurou. “Sen medo a debater, sen medo a discutir, porque o que nos xogamos é moito para os vindeiros anos”, afrontan esta campaña dende o PSdeG segundo asegurou o seu líder.
O tamén deputado por Lugo considera que “é importante baixar esa política de moqueta, de Parlamento, para levala a un debate onde a xente se enriqueza nesa campaña política, se meta de cheo nesa campaña política e saiba claramente que ofrecemos uns e outros para os vindeiros anos para Galicia”.
“CAMPAÑA ORGANIZADA DENDE GÉNOVA 13”
Así mesmo considera que estes debates son “unha oportunidade para Rueda”, xa que terá a posibilidade de “quitarse de encima esa manta que lle vai vir dende Madrid e que lle vai a condicionar extraordinariamente”, así como falar deses temas 100% galegos e que o ruído e as cousas que non lle preocupan aos galegos queden ao marxe desta campaña electoral”, alegou o candidato.
Tamén criticou que Feijóo afronte esta campaña como unha revalida das xerais que perdeu o 23 de xullo e entende que a caravana que vai montar Feijóo por Galicia demostra que “ao final imos ter razón os socialistas, dende Madrid lle convocan as elección a Rueda e el acepta”.
Por todo elo, Besteiro defendeu que a súa é “unha proposta seria, rigorosa, leal e coa que lle damos unha oportunidade ao PP para que sexa capaz de debater e para quitarse o que se lle ven enriba con esta campaña que ven organizada dende Génova. Os galegos merecémonos unha campaña 100% galega e 100% centrada nos problemas e nos asuntos que temos que resolver aquí en Galicia”, concluíu.