O candidato socialista e presidente do Comisión de Transportes e Mobilidade do Congreso dos Deputados marca a folla de ruta das principais infraestuturas para Galicia para os próximos catro anos nunha reunión de traballo cos secretarios provinciais do PSdeG-PSOE.
Bótalle en cara a Rueda a inacción e retrasos de vías da súa competencia e defenderá en Madrid a importancia das infraestruturas estatais para o noso país.
O candidato socialista á Presidencia da Xunta e presidente do Comisión de Transportes e Mobilidade do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse hoxe cos secretarios provinciais do PSdeG-PSOE para “planificar unha folla de ruta que vertebrar e mellore a mobilidade do noso país para os próximos catro anos”. Besteiro eliminará as peaxes das autoestradas autonómicas e completará as infraestruturas viarias que “nin Feijóo nin Rueda foron capaces de completar”.
Besteiro explicou que sobran exemplos en Galicia da incapacidade e mala xestión de Alfonso Rueda nas infraestruturas que son competencia da Xunta que “acumulan retrasos sobre retrasos” como a Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte e a Autovía da Costa da Morte, “vitais ambas para romper o illamento destas zonas e mellorar a seguridade nos desprazamentos”. A VAC da Costa Norte, que debería unir as localidades de Ferrol e San Cibrao (Cervo) polo litoral leva 22 anos de retraso.
A Autovía da Costa da Morte é outra infraestrutura que leva 30 anos pendente de rematar despois da inauguración do seu primeiro treito. Por riba o PP fixo de pago o treito entre A Coruña e Carballo. Unha peaxe que considera “discriminatoria para a veciñanza” e que se comprometeu a liberar cando sexa o presidente da Xunta. “A incapacidade manifesta do actual presidente Rueda é de tal magnitude que non foi quen sequera de acometer o tramo entre Baio e Berdoias de tan só 15 quilómetros”.
Precisamente, a liberación das peaxes nas estradas autonómicas foi unha reclamación unánime na que coincidiron os catro secretarios provinciais socialistas, con independencia de que a súa circunscripción se vexa afectada ou non, posto que é unha medida que cualificaron de “arbitraria e inxusta para a cidadanía que a padece”. Unha situación que os representantes socialistas se comprometeron a levantar de forma “inmediata” cando cheguen ao Goberno da Xunta.
A conclusión da Vía Ártabra na Coruña; a VAC Tui-A Guarda ou a ampliación da autovía Santiago-A Estrada na provincia de Pontevedra; a Ronda Leste de Lugo ou acceso ao Porto Seco de Monforte ou a prolongación en Ourense da AG-31 entre Celanova e a fronteira portuguesa, son outros exemplos dos incumprimentos de Alfonso Rueda.
Á reunión de traballo celebrada hoxe na sede do PsdeG-PSOE en Santiago de Compostela, ademáis do candidato á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asistiron os secretarios provinciais dos socialistas, Bernardo Fernández, da Coruña; de Lugo, José Tomé; Ourense, Rafael Rodríguez Villarino e Pontevedra, David Regades; participaron tamén a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, vicesecretaria xeral na provincia da Coruña; Patricia Otero, deputada de Infraestruturas; Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives e Paula Fernández, secretaria de organización de Pontevedra.