España conseguiu que a UE incrementase ao 70% o anticipo das axudas da PAC -antes era do 50%- para dotar de maior liquidez a agricultores e gandeiros, pero a falta de eficiencia da Xunta, responsable da primeira avaliación das peticións, reduciu o importe dos beneficiarios
O orzamento aumenta especialmente para o sector vacún de leite (+30%), o que beneficia a Galicia como maior produtora de España
Despois de 40 anos, e grazas ás socialistas, a PAC contempla a perspectiva de xénero
O deputado socialista e candidato á Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado e novo voceiro da Comisión de Agricultura no Congreso, David Regades, reuníronse esta tarde en Lugo con 150 gandeiros de Lugo para informar da PAC e os problemas que xerou a “falta de eficiencia da Xunta” na tramitación do adianto do 70% das axudas directas habilitadas por Europa para este colectivo.
O descontrol administrativo do Goberno de Rueda provocou, segundo denunciou o propio sector diante de Besteiro, que os gandeiros galegos só percibisen a día de hoxe 48 dos 130 millóns de euros conseguidos polo Goberno de España en calidade de anticipos.
A pesar dos esforzo do Goberno de Pedro Sánchez por garantir a liquidez destes profesionais -Besteiro lembrou que foi España quen pediu e conseguiu que os anticipos fosen do 70% en lugar do 50%-, “a desidia do PP provocará un serio endebedamento para moitas empresas familiares nun momento convulso para o sector, afectado polo incremento de custos derivado da guerra de Ucraína”, afirmou. Dos 180 millóns de euros que o sector galego podería percibir a 1 de decembro, só cobrou 48 millóns.
Acento galego da PAC
O deputado lucense, quen destacou o “acento galego” no Regulamento do novo fondo financeiro “no que España defendeu moitas das nosas peticións e particularidades”, espera que a Xunta “non dilate máis as tramitacións para que o pago poida ser realizado canto antes”.
Así mesmo, Besteiro e Regades puxeron en valor que “despois de 40 anos, a PAC 2023-2027 é a primeira que contempla a perspectiva de xénero incluíndo medidas de acción positiva en favor da muller”. Respecto diso, agradeceron o gran labor realizado polas eurodeputadas socialistas para avanzar na visibilidade e recoñecemento das mulleres.
Máis de 330 millóns de euros públicos para Galicia en 2022
Na nova PAC incrementouse o orzamento das axudas asociadas, favorecendo especialmente á gandería. O orzamento aumenta especialmente para o sector vacún de leite (+30%), o que beneficia a Galicia como maior produtora de España.
Ademais, para as axudas de ecorrexímenes (prácticas voluntarias beneficiosas para o medio ambiente e o clima) pódense acoller superficies que non teñan dereitos de axuda básica, o que beneficia a superficies de pastos como as que existen en Galicia.
No último exercicio completo, o de 2022, Galicia recibiu máis de 330 millóns de euros de fondos públicos da PAC, 179 deles do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) que se repartiron entre 25.700 beneficiarios, mentres que 151 millóns foron de axudas de desenvolvemento rural.
O novo fondo europeo destina máis fondos europeos para o desenvolvemento rural galego (913,66 millóns de euros de FEADER fronte aos 889,90 M€ do período anterior) e máis cofinanciamento estatal (141,6 M€ fronte aos 79 M€ do período anterior).
No encontro celebrado en Lugo participaron, ademais dunha nutrida representación de gandeiros, o secretario provincial dos socialistas de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé; Rosa Arcos, secretaria de Desenvolvemento Rural do CENG, e Félix Porto, de Unións Agrarias.