O líder dos socialistas galegos censura a “desvergonza” do PP, que pide para as autoestradas do Estado o que non fai nas que son de competencia autonómica
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe en Silleda que “os socialistas aliviamos a carga dos usuarios da autopista AP-53 Santiago-Dozón con descontos de ata o 75 por cento fronte á desatención histórica do PP. Así o dixo nun encontro cos medios na saída da autoestrada en Bandeira xunto coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e o alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas.
O responsable socialista sinalou que o goberno central comezará a tramitación das bonificacións nesta autoestrada “tal e como nos comprometéramos” para que no prazo dun mes se poida aprobar no Consello de Ministros. Con estes descontos, un traballador que viaxe pola autopista Santiago-Dozón 20 días ao mes pasará de pagar 280 euros a tan só 70, o que suporá un aforro significativo para os usuarios frecuentes.
Esta vía implementa un sistema de bonificacións por primeira vez dende a súa apertura total no ano 2004, co que ten que ser un goberno socialista o que corrixa unha vez máis as actuacións do PP, que en 1999 asinou a concesión da autoestrada por un prazo de 75 anos, e que, lembrou, “debeu ser a única autoestrada que subiu o seu prezo tan só unha semana despois de estrearse”.
Explicou que estas bonificacións representan o compromiso dos e das socialistas cunha Galicia “máis xusta e conectada” e cunha mobilidade accesible, que amosan o traballo para “conseguir acordos que beneficien directamente á cidadanía”, sinaladamente nunha infraestrutura central como é a AP-53. Engadiu que “este é o camiño que debemos seguir, o de mellorar a vida da cidadanía e o de ocuparnos de solucionar os problemas que realmente importan”.
Desvergonza do PP
O líder dos socialistas galegos criticou a “desvergonza” do PP en materia de peaxes, que logo de “anos nos que non tomou medidas significativas para reducir o custo das peaxes nas autoestradas galegas, agora pide para as que son titularidade do Estado o que non fai nas de competencia autonómica”, como a autoestrada do Val Miñor ou a vía A Coruña-Carballo.
Apuntou a “desvergonza notable” tamén na actual preocupación do PP pola transferencia da AP-9 logo de ser o partido responsable de prorrogar a concesión desta autoestrada ata o ano 2048, unha decisión indefendible coa que hipotecaron aos galegos e galegas durante décadas sen concurso público para beneficiar directamente á empresa concesionaria en detrimento dos usuarios galegos.