Anímaos a seguir formando a novos traballadores para continuar medrando e afrontar o relevo xeracional no campo
O voceiro do grupo parlamentario do PSdeG participou xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; os presidentes das deputacións de Lugo e Coruña, José Tomé e Valentín González Formoso, a deputada Lara Méndez, a parlamentaria no Congreso Patricia Otero, o senador César Mogo e o europarlamentario Nicolás González Casares no día grande da XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa
As 9 queixerías da Denominación de Orixe Protexida “Queixo San Simón” son para José Ramón Gómez Besteiro “un exemplo da transformación agroalimentaria de calidade, motor de emprego e capaces de fixar poboación no rural”. Por iso, animounos a seguir formando a traballadores “para ter máis e mellores especialistas do queixo de San Simón, e afrontar grandes retos como a falta de relevo xeracional no campo ou o peche de explotacións”.
O voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia visitou algunhas das casetas e felicitou persoalmente aos queixeiros do municipio que participan na vixésimo oitava edición da Festa do Queixo San Simón da Costa, en Villalba.
O líder socialista destacou a capacidade destes elaboradores de “manter unha tradición que conseguiu converter un produto nado nunha pequena aldea lucense nun dos queixos máis premiados e recoñecibles do panorama internacional”. As 609.000 pezas vendidas en 2023 superaron os cinco millóns de euros de facturación.
Besteiro destacou o respaldo que supón para o sector agrogandeiro os fondos europeos e lembrou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), coordinou o pago en Galicia de 121,9 millóns de euros de axudas directas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2023.
Acompañado pola alcaldesa, os presidentes das deputacións de Lugo e A Coruña, a deputada Lara Méndez, a deputada no Congreso Patricia Otero, o senador César Mogo ou o europarlamentario galego Nicolás González Casares, Besteiro declarouse “fiel consumidor e cociñeiro” deste queixo afumado, único no mundo, e adquiriu varias pezas das 5.000 que se puxeron á venda esta fin de semana.
Ademais dos sete produtores locais, a XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa contou con máis de medio cento de stands procedentes de toda España que puxeron á venda outros produtos agroalimentarios.