O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia comprometeuse a reactivar esta infraestrutura que é “decisiva para o crecemento económico e o tráfico de mercadorías da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia”
Destaca que “a súa saída ferroviaria fai desta plataforma loxística a ideal para configurar convois cara o centro de Europa e mellorar a competitividade dos portos galegos”
Criticou que o PP ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende fai 10 anos, o que ve como o claro exemplo da súa xestión na economía galega que medra menos que a española
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este luns en Monforte de Lemos a que cando estea á fronte do Goberno galego desbloqueará o Porto Seco e converterao en nodo loxístico de referencia en Galicia. Fíxoo nunha visita ao parcelario e os accesos desta infraestrutura, xunto ao Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o equipo de goberno municipal.
Besteiro subliñou que o Partido Popular ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende fai 10 anos. “Feijóo fixo unha inauguración ficticia no ano 2014 e dende entón a Xunta inclúe partidas ridículas nos Orzamentos, que nunca executa: primeiro de 750.000€ e no 2023 baixou a 500.000€, consignación que mantén neste 2024”, ao tempo que evidenciou que esta é “unha mostra máis da incompetencia, da inacción e da burla ás que, primeiro Feijóo e logo Rueda, somete aos galegos e galegas”.
Cando sexa Presidente da Xunta, Besteiro poñerá fin a este bloqueo, polo que asegurou que cos socialistas no goberno “este Porto Seco pasará de estar como agora, seco, seco, seco, a ser o o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria de Galicia”. Besteiro sinalou que activará unha infraestrutura que “é decisiva para o crecemento económico e o tráfico de mercadorías da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia”.
“O Porto Seco debe ser un polo de atracción e impulso económico e industrial para a Galicia interior e favorecer así a cohesión territorial”. Rematar e poñer en marcha esta dotación “non é unha opción, é unha obriga para mellorar a competitividade dos portos galegos e poder chegar con máis axilidade aos mercados mundiais de primeiro nivel”, afirmou, ao tempo que explicou que a situación estratéxica de Monforte e a súa saída ferroviaria, coa promoción tamén da intermodalidade, fai desta plataforma loxística a ideal para configurar convois cara o centro de Europa e vai a situar a Monforte como “un nodo do transporte por mercancías, dentro da aposta polo Corredor Atlántico e a entrada dos fluxos de mercancías dende os portos costeiros de Galicia”.
Rueda frea o auxe de Monforte como polo de desenvolvemento
O candidato incidiu en que “co bloqueo do Porto Seco, Rueda está freando o auxe de Monforte como polo de desenvolvemento económico e industrial”. De feito, asegurou, “se Monforte e a comarca volven a medrar é grazas á aposta decidida do Alcalde, e tamén da Deputación e do Goberno do Estado”, explicou Gómez Besteiro.
Así, lembrou que o Alcalde de Monforte xestionou a implantación de proxectos industriais de primeiro nivel como Kern Pharma ou o centro de ciberseguridade de Renfe, e, co impulso que lle deu ao polígono, as instalacións quédanse pequenas, polo que xa traballa para amplialas a máis do dobre da súa extensión para atender a demanda. Pola súa banda, a Deputación de Lugo cedeu os terreos necesarios para a ampliación do parque empresarial e está comprometida co apoio aos sectores produtivos. En canto ao Goberno do Estado, está facendo un investimento histórico de 546M€ no ferrocarril para modernizar a liña Lugo-Monforte-Ourense, e, entre outras medidas, concede axudas a proxectos industriais punteiros para a súa implantación ou expansión.
“Coma sempre, falta a Xunta. Cando dicimos que Galicia medra menos que o resto de España e que estamos perdendo oportunidades, dicímolo polo parón do Partido Popular a proxectos como o Porto Seco de Monforte. Rueda non ten ningún plan económico e industrial para Galicia. Está lastrando a economía dos galegos e galegas”, remarcou Besteiro.
O Porto Seco de Monforte é unha plataforma loxística para a distribución de mercadorías de 146.000 metros cadrados situada ao noroeste de Monforte, xunto á liña ferroviaria entre León e A Coruña.
José María Aznar e Manuel Fraga anunciaron a construción do Porto Seco no ano 2001 e Feijóo fixo en febreiro de 2014 unha inauguración ficticia, porque o proxecto está incompleto. Dende entón, a Xunta teno paralizado, pois inclúe partidas insuficientes nos Orzamentos, primeiro de 750.000€ e no 2023 baixou a 500.000€, que ademais nunca executa.
Para a súa posta en marcha é preciso completar os accesos, unindo a N-120 coa saída do Porto Seco (algo menos dun quilómetro de lonxitude que empeza no tramo da LU-933 e remata na Nacional, preto da antiga ExpoLemos), cun investimento estimado necesario de 4,5M€; e a dotación dun peirao de carga, que é fundamental para que a plataforma loxística poida considerarse intermodal, pois sen un sistema destas características non é posible o transvase de mercadorías operativo entre a terminal ferroviaria e as parcelas.