O voceiro do grupo parlamentario socialista incide en que os orzamentos do 2025 son os que quere Rueda pero non os que necesita unha Galicia “que sofre un atraso respecto a España que a propia Xunta cifra en 6 anos”
A vivenda segue sen ser prioritaria: son 72 millóns de euros menos respecto aos orzamentos do último ano de Touriño hai 16 anos, tempo no que non se desenvolveu vivenda pública
O PSdeG presenta unha declaración institucional aos grupo parlamentarios para condenar o asasinato de Samuel Luiz e propón aos concellos e concelleiros socialistas a aprobación deste mesmo texto nos plenos municipais
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, anunciou esta mañá que os socialistas proporán ao Parlamento de Galicia a aprobación dunha declaración institucional para condenar o asasinato homófobo de Samuel Luiz e honrar a súa memoria. “Samuel foi vítima da intolerancia e da violencia homófoba, unha lacra que aínda persiste na nosa sociedade. Queremos sumar forzas para garantir que ninguén sexa perseguido ou discriminado pola súa orientación sexual ou identidade de xénero”, afirmou Besteiro.
Ademais, anunciou que o texto desta declaración será enviado aos concellos e concelleiros do PSdeG para que sexa aprobado nos plenos municipais. “Este é un chamamento para que, dende as institucións se reitere o compromiso coa igualdade e a diversidade, rexeitando con toda a forza calquera tipo de LGTBIfobia”, engadiu.
Unha Galicia ao ralentí: orzamentos que non responden ás necesidades reais
Pasando á análise dos orzamentos presentados o sábado polo goberno de Alfonso Rueda para o ano 2025, Besteiro denunciou que Galicia está quedando atrás respecto ao conxunto do Estado. Segundo as previsións da Xunta, Galicia medrará un 2,3% en 2024, por debaixo da media estatal, e a situación empeorará en 2025, cun crecemento aínda menor, do 2,1%. “Estamos ante uns orzamentos que reflicten a falta de pulo e ambición dun goberno que se conforma cunha Galicia que avanza a medio gas”, criticou Besteiro,
En resumo, mentres que o Estado, o conxunto do Estado, avanza, Galicia se queda atrás. No só o dicimos nós, o propio conselleiro de Facenda di hoxe que o obxectivo da Xunta de Galicia é conseguir a equiparación ca renda do resto do Estado alá polo 2030. É dicir, está confirmando que temos un retraso de cando menos seis anos en relación co crecemento do resto do Estado.
Outro dos puntos centrais da intervención do voceiro do grupo parlamentario socialista foi a crítica ao aumento da débeda autonómica, que crecerá un 16,7%, obrigando a Galicia a destinar 1.700 millóns de euros ao seu pagamento, unha cifra superior ao orzamento de consellerías tan esenciais como Política Social, e moi por riba do destinado a atención primaria e hospitalaria.
“Mentres Rueda mantén descontos fiscais para as rendas máis altas, os servizos esenciais, como a sanidade, sofren subas claramente insuficientes”, explicou. En concreto, a atención primaria só medrará un 5,40% e a hospitalaria un 5,08%, mentres as partidas de alta dirección aumentan máis dun 21%.
A vivenda, outro dos grandes fracasos de Rueda
A falta de aposta pola vivenda pública foi outro dos temas destacados na súa comparecencia ante os medios, onde lembrou que o último orzamento do goberno socialista de Pérez Touriño, hai 16 anos, dedicaba 211 millóns de euros a este ámbito, unha cifra que, actualizada tendo en conta a inflación, debería ser de 293 millóns en 2025. “Sen embargo, a Xunta só contempla 221 millóns, unha diferenza de 72 millóns que pon de manifesto a falta de compromiso real co acceso á vivenda”.
Ademais, o líder socialista denunciou que no 2025 o programa de rehabilitación de vivendas reducirá o seu orzamento en 24 millóns de euros, e lembrou que dende 2009 quedaron sen executar 270 millóns en programas de acceso á vivenda. “A realidade é que hai máis de 18.000 persoas vulnerables esperando por unha vivenda pública mentres Rueda segue a anunciar medidas que non se materializan”, sentenciou.
Besteiro tamén fixo fincapé na descompensación entre as subas en áreas fundamentais como a sanidade e o crecemento das partidas para alta dirección e administración xeral. “Non é de recibo que se invista máis en burocracia que en mellorar a calidade dos servizos públicos que realmente tocan a vida das persoas”, dixo. Mentres a atención primaria e hospitalaria crecen menos dun 6%, as partidas destinadas a alta dirección e administración aumentan un 21,88%.
Goberno sen visión de futuro
Por último, advertiu que estes orzamentos non só reflicten unha Galicia que queda atrás, senón un goberno sen visión de futuro. “Non hai unha aposta real polo desenvolvemento económico, nin pola mellora da calidade de vida dos galegos e galegas. Son os orzamentos que lle gustan a Rueda, pero non os que Galicia necesita”, concluíu o líder socialista.
En relación á financiación local, o secretario xeral do PSdeG sinalou que persiste un déficit que afectará aos galegos e galegas en 2025 como o aumento das taxas do lixo e a redución de prestacións en servizos como a axuda no fogar”. Estes recortes, dixo, impactarán directamente na cidadanía, mentres se manteñen beneficios fiscais para as rendas máis altas e se reclama máis financiamento doutras administracións.
Ademais, subliñou a incoherencia do PP na política de peaxes: “Mentres piden bonificacións nas autovías estatais, eles incrementan as peaxes nas autovías galegas sen mellorar as bonificacións. Esta situación reflicte unha falta de prioridade nos servizos públicos fundamentais, que son clave para a estrutura do país”, concluíu.
Lei de Acompañamento
A preguntas dos xornalistas, o líder socialista referiuse á Lei de Acompañamento. “Novamente o Partido Popular utiliza unha lei de acompañamento, que tería que ser simplemente para adecuar normas aos propios orzamentos, para modificar pola porta de atrás moitas normas de gran calado, como o sistema enerxético ou a modificación do ámbito da vivenda. Nós consideramos que esas mudanzas deberían tramitarse como leis ordinarias, permitindo un debate sosegado e profundo entre todos os grupos políticos”, explicou Besteiro.
Engadiu que esta forma de proceder evita os informes necesarios do Consello Consultivo, do Consello Económico e Social, e o debate parlamentario detallado sobre cada cuestión importante. “Por iso, presentaremos a emenda á totalidade, como fixemos noutras ocasións, porque esta non é unha lei ómnibus e debería limitarse a facer os axustes correspondentes aos orzamentos”, destacou.