Anuncia que pedirá a comparecencia no Parlamento de Rueda, de Alberto Núñez Feijóo e de calquera alto cargo ou familiar que tivese que ver con eses 471 millóns de euros que ninguén sabe ou quere explicar onde están.
Os contratos adxudicados a dedo a empresas vinculadas a familiares do expresidente Feijóo tamén protagonizaron a intervención de Besteiro na Sesión de Control ao Goberno galego
O portavoz do grupo parlamentario socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interpelou esta mañá ao presidente Alfonso Rueda por dúas graves cuestións que prexudican de forma directa ás galegas e galegos: o sobrecusto de 471 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) e a adxudicación de contratos a empresas como Eulen, vinculadas familiarmente ao expresidente Alberto Núñez Feijóo.
Besteiro lembrou durante a súa intervención na Sesión de Control que o sobrecusto do hospital de Vigo produciuse baixo a presidencia de Feijóo, “mentres vostede, señor Rueda, era un dos seus vicepresidentes e sabía todo o que estaba a pasar”. Esta cantidade, recoñecida polo Consello de Contas, lastrou os orzamentos públicos galegos e podería destinarse a mellorar servizos esenciais como a sanidade. “Con 471 millóns de euros, poderiamos ter 20 novos centros de saúde ou contratado a 600 enfermeiras por 20 anos”, afirmou o portavoz socialista. Con todo, engadiu, “o que temos en cambio é un buraco inmenso de centos de millóns que se negan a xustificar”.
Besteiro subliñou que o PP “nos custa demasiado caro ás galegas e galegos”, non só pola xestión do Cunqueiro, senón tamén, sinalou, “pola adxudicación de contratos a dedo a empresas vinculadas a familiares do Partido Popular”. Un fenómeno, denunciou o socialista, que se deu de forma habitual durante os anos de presidencia de Feijóo “e que segue manténdose baixo a súa presidencia, señor Rueda”. Besteiro denunciou tamén que un de cada tres euros contratados pola Xunta destínase a contratos menores, adxudicados sen concorrencia nin transparencia, o que segue afectando gravemente á xestión dos recursos públicos.
“Dado que se negan a dar explicacións, anúnciolles xa que os socialistas pediremos a súa comparecencia, a de Feijóo e de calquera outro alto cargo involucrado no escándalo do Cunqueiro para saber onde están os 471 millóns de sobrecusto” na Comisión de Investigación que os socialistas galegos pediron dende que se coñeceu o informe do Consello de Contas. “Vostedes, cos cartos dos demais, son un perigo público”, engadiu, en referencia á forma en que o PP xestiona los recursos das galegas e galegos.
O portavoz socialista denunciou que, pese a gravidade do denunciado durante anos polo PSdeG e confirmado agora polo Consello de Contas, ata o momento, nin o presidente Rueda nin ninguén do PP ofreceron unha resposta clara sobre este escándalo.
Sinalou que esta falta de transparencia e as prácticas de favoritismo empresarial continúan afectando gravemente as arcas públicas galegas. “O seu goberno, señor Rueda, herdou a cultura do sobrecusto e os contratos opacos que comezou con Feijóo, e déixeme que lle diga que Galicia non pode permitirllo”, concluíu Besteiro, reforzando o compromiso dos socialistas en seguir esixindo responsabilidades políticas e a verdade na xestión dos recursos públicos.