Nais e pais protestan dende o 28 de novembro diante do centro esixindo á Xunta máis recursos e solucións inmediatas pero seguen sen ter respostas
Desde a ANPA esíxese a incorporación dun segundo orientador/a para atender á alta carga de valoracións pendentes, o aumento do profesorado para compensar a redución de 100 horas lectivas sufrida este curso e a creación dun Grupo de Adquisición de Linguas
O secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro participou esta mañá fronte ao CEIP Bergantiños en Carballo nunha nova protesta organizada pola ANPA do centro para denunciar a grave situación que afecta ao alumnado. Besteiro apoiou ás xustas demandas das familias, subliñando a urxencia da posta en marcha de medidas por parte da Xunta de Galicia para garantir unha educación pública de calidade: “as e os alumnos que precisan apoio específico non o están recibindo pola inacción da Consellería de Educación”.
A mobilización no CEIP Bergantiños iniciouse o pasado 28 de novembro e ata hoxe ningún representante da consellería se puxo en contacto coas familias. Segundo explicou unha das representantes da ANPA, “a carga de traballo é tan grande que o orientador e os profesores non poden traballar en condicións, nin garantir que os rapaces sexan atendidos como necesitan”.
De feito, o CEIP Bergantiños enfróntase a unha situación crítica, cun 35% do seu alumnado requirindo apoio educativo específico, unha porcentaxe que podería elevarse ata o 43,5% de confirmarse os diagnósticos pendentes. Actualmente, a falta de persoal docente e especialista está a deixar sen atención a moitos destes estudantes, agravando o risco de fracaso escolar e vulnerando os seus dereitos fundamentais.
Desde a ANPA do CEIP Bergantiños esíxese a incorporación dun segundo orientador/a para atender á alta carga de valoracións pendentes, un aumento do profesorado para compensar a redución de 100 horas lectivas sufrida este curso e a creación dun Grupo de Adquisición de Linguas fundamental para atender ao aumento de estudantes con dificultades idiomáticas. Ademais, solicitan a inclusión do centro no programa PROA+, indispensable para o reforzo educativo e rexeitado inxustificadamente pola Xunta.
Besteiro: “Non imos permitir o desmantelamento da educación pública”
En declaracións aos medios, José Ramón Gómez Besteiro insistiu en que “non podemos permitir que ningún neno ou nena quede atrás por falta de medios”. Criticou os recortes sistemáticos no sector público por parte da Xunta, advertindo que “os orzamentos de 2025 empeorarán esta situación cunha alarmante redución de recursos mentres as necesidades aumentan”.
O líder socialista subliñou que “a falta de atención de profesorado e de recursos está a poñer en risco non só o rendemento académico do alumnado, senón o seu propio benestar”. Ademais, reclamou á Xunta “unha rectificación inmediata e unha aposta decidida pola educación pública para garantir que ningún estudante quede atrás”.
A mobilización de hoxe, na que tamén participaron os deputados Patricia Iglesias e Julio Abalde, así como o secretario do PSdeG na provincia da Coruña, Bernardo Vázquez, e o de Santiago, Aitor Bouza, é só a continuación dunha serie de accións iniciadas pola comunidade educativa deste CEIP como rexistros de solicitudes ás autoridades e reunións coa Valedora do Pobo. Da Xunta aínda non teñen resposta algunha polo que seguirán coas súas protestas.