O líder dos socialistas galegos participa na concentración convocada en Compostela polo Colexio Galego de Traballo Social
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta de continuar co traballo de “desmantelamento sistemático” dos servizos sociais, e sinaladamente da Dependencia, iniciado por Feijóo en Galicia. Así o dixo durante a manifestación convocada en Santiago polo Colexio Galego de Traballo Social para esixir a mellora das condicións laborais destes profesionais.
O responsable socialista sinalou que “temos claro que defender os servizos sociais é defender os dereitos das persoas máis vulnerables”, e trasladou o apoio dos socialistas galegos aos traballadores e traballadoras sociais, que “ven como a súa profesión está a ser menosprezada pla Xunta de Galicia.
Criticou que a única resposta do presidente da Xunta aos retrasos inasumibles na resolución dos expedientes da Dependencia sexa “poñer en risco a calidade na atención” a través dunha modificación lexislativa que permite que funcionarios sen titulación en Traballo Social tramiten e informen sobre as solicitudes.
Cualificou esta medidas de “parches” e “ocorrencias” fronte a un problema sistémico que deriva de anos de austericidio, e que agora están a padecer as máis de 4.000 persoas que agardan a resolución dos expedientes da Dependencia en Galicia. Mentres, outros 1.500 que teñen recoñecido o dereito a praza nunha residencia non o poden exercer en condicións de igualdade pola falla de prazas dispoñibles e os prezos inasumibles das residencias privadas.