Advertiu que “a perda de seriedade do Partido Popular, e nomeadamente de Rueda, coa sanidade pública reflíctese en que durante anos non tomaron as medidas que tiñan que tomar. Agora chegan os problemas, e chegan porque houbo un déficit de planificación, un déficit de investimento e, sobre todo, un déficit á hora de aplicar máis fondos públicos”
O secretario xeral do PSdeG alertou de que “Galicia e Madrid son as comunidades que menos invisten en atención primaria”, e puxo o foco na situación da pediatría: “O 15% das prazas de pediatras están vacantes. Isto non é unha estatística máis: son nenos e nenas sen atención médica axeitada”
O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta mañá en Conxo que Galicia vive unha situación de “desmantelamento continuo da sanidade pública” a mans do Partido Popular, e nomeadamente as de Rueda. Nunha comparecencia ante os medios diante do Centro de Saúde, Besteiro afirmou que “a Xunta practica unha política de improvisación permanente, con solucións que din que son temporais pero acaban sendo definitivas”.
O líder dos socialistas galegos denunciou que a Xunta de Galicia non está a garantir nin o acceso nin a calidade da atención sanitaria, especialmente na atención primaria. “Nos últimos anos, perdéronse mil profesionais sanitarios e deixáronse de formar 200 médicos no sistema sanitario galego. Ese é o resultado dun déficit de planificación e investimento”, sinalou.
Besteiro alertou de que “Galicia e Madrid son as comunidades que menos invisten en atención primaria”, e puxo o foco na situación da pediatría: “O 15% das prazas de pediatras están vacantes. Isto non é unha estatística máis: son nenos e nenas sen atención médica axeitada”.
Tamén advertiu da grave situación da saúde mental en Galicia. “Hai un empobrecemento evidente tanto en profesionais da psicoloxía como da psiquiatría, e as listas de agarda superan os seis meses para atención psiquiátrica. É intolerable que quen precisa axuda urxente teña que esperar medio ano para ser atendido”, asegurou.
Respecto ao centro de saúde de Conxo, criticou que, malia estar en obras de rehabilitación, “vai quedar pequeno antes mesmo de rematarse, e o centro provisional que o substitúe está convertido nun ‘provisional para sempre’, unha marca da casa de Rueda”.
O portavoz socialista destacou que hai “máis de 220.000 galegos e galegas esperando por unha proba dun especialista e 50.000 por unha operación”, datos que cualificou de “alarmantes” e que demostran que “o sistema sanitario galego está paralizado, colapsado e sufrindo unha perda inadmisible de calidade”.
Neste contexto, Besteiro advertiu que “a perda de seriedade do Partido Popular coa sanidade pública reflíctese en que durante anos non tomaron as medidas que tiñan que tomar. Agora chegan os problemas, e chegan porque houbo un déficit de planificación, un déficit de investimento e, sobre todo, un déficit á hora de aplicar máis fondos públicos á sanidade”. E engadiu: “Todo iso derivou en parálises e solucións de ‘provisional para sempre’ que agora pagamos todos”.
Anunciou ademais que o Grupo Socialista levará este asunto ao próximo Pleno do Parlamento para pedir responsabilidades ao presidente da Xunta. “Temos un conselleiro que en lugar de ser parte da solución, é parte do problema. A sanidade é hoxe unha das principais preocupacións dos galegos e galegas, e o PP nin está nin se lle espera”, criticou.
Finalmente, chamou á mobilización cidadá na manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este domingo en Compostela: “O PSdeG vai estar na rúa, como sempre estivo, onte en Viveiro, hoxe en Conxo, defendendo unha sanidade pública accesible, digna e de calidade. É un ben moi prezado, e non o imos permitir perder”.