O secretario xeral dos socialistas galegos critica que Rueda exerza como “tertuliano da realidade, narrando problemas que el agravou. O seu discurso é o recoñecemento implícito de que non está facendo ben o seu traballo”
Besteiro lamenta que o presidente da Xunta utilice unha mensaxe institucional para facer un publirreportaxe do seu goberno, “pero cun silencio clamoroso ante un dos maiores dramas sociais que vivimos: a violencia machista”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou a mensaxe de fin de ano do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “frío e clasista, que ignora os problemas reais da cidadanía e afonda na Galicia das desigualdades”. Para empezar, Besteiro puxo o foco no feito de que, a pesar de que en decembro outra muller foi asasinada pola súa ex parella en Galicia, Rueda “nin sequera tivo a dignidade de mencionar a loita contra o machismo ou a igualdade”.
“Utilizou unha mensaxe institucional para facer un publirreportaxe do seu goberno, pero cun silencio clamoroso ante un dos maiores dramas sociais que vivimos: a violencia machista. É intolerable que obvie esta realidade mentres Galicia segue sumida nunha profunda desigualdade de xénero”, subliñou Besteiro.
O líder socialista destacou tamén que a Galicia que describe o presidente no seu discurso é allea á realidade da maioría: “É a mensaxe dunha persoa cunha visión acomodada, que fala dende o privilexio e ignora as necesidades máis urxentes da cidadanía. Galicia ten talento, capacidade e recursos, pero tras 15 anos de goberno, Rueda non soubo xestionar ese potencial que agora el mesmo recoñece”.
Besteiro criticou con dureza os resultados económicos e de emprego do goberno da Xunta, sinalando que “Galicia ten peores indicadores que o conxunto do Estado porque a mala xestión e a inacción de Rueda frearon o desenvolvemento do país”. Como exemplo, apuntou ao parón eólico promovido pola Xunta, que bloqueou oportunidades económicas e laborais: “Rueda fala de futuro, pero leva anos lastrando o presente con decisións erradas e falta de ambición”.
No ámbito educativo, Gómez Besteiro recoñeceu que a matrícula universitaria gratuíta, que tanto tempo demandou o PSdeG, é un paso adiante, pero recordou que “o custe de estudar non se limita á matrícula, e moitas familias seguen sen poder afrontar os gastos necesarios para que os seus fillos e fillas acaden unha educación superior”.
Ademais, apuntou ás graves carencias no transporte público: “O ampliación da gratuidade do tren de cercanías por parte do Goberno de España é unha medida que milleiros de estudantes e traballadores agradecen. Por contra, os autobuses interurbanos, responsabilidade directa da Xunta, seguen sen funcionar de maneira adecuada, limitando o acceso á formación e ao emprego”.
O líder do PSdeG fixo fincapé nas graves carencias do sistema sanitario galego: “Mentres moitas persoas están en listas de espera inaceptables, mentres faltan profesionais en atención primaria e a saturación se converteu na norma, Rueda obvia a situación da sanidade pública. Non pode falar de serenidade ou de sentidiño mentres moitos galegos e galegas non teñen garantida unha atención sanitaria áxil e de calidade”.
Sobre a inmigración, Besteiro lamentou a falta de sensibilidade no discurso de Rueda: “Referirse ás persoas inmigrantes como ‘xente chegada de moi lonxe’ demostra o pouco compromiso do presidente coa integración e o recoñecemento da diversidade. Galicia sempre foi unha terra aberta e solidaria, e o que necesitamos son políticas claras de inclusión, non palabras baleiras”.
Outro punto polémico do discurso para o líder socialista foi a promesa de vivenda pública para 2028. “Non pode permitirse falar de vivenda como un obxectivo a longo prazo cando hai mozos e familias que hoxe non poden acceder a un fogar digno. As necesidades son agora, non dentro de catro anos”, enfatizou Besteiro.
“Rueda exerce como tertuliano da realidade, narrando problemas que a súa inacción agravou nos últimos 15 anos. O seu discurso é o recoñecemento implícito de que non está facendo ben o seu traballo”, concluíu Besteiro, reiterando o compromiso do PSdeG de seguir traballando por unha Galicia máis igualitaria, “onde as políticas públicas aborden os retos reais da cidadanía e garantan oportunidades para todos e todas”.