Apunta que os cambios corresponden ás áreas nas que os socialistas “detectamos eivas na xestión” e reclamou pactos de país, como sanidade, vivenda, economía e emprego, lingua e financiamento local
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe que o novo goberno galego foi deseñado entre “os fieis” a Rueda e marcando un perfil presidencialista por riba da capacidade e que deixa de lado a paridade. Advertiu que o novo goberno opta pola “constante do continuísmo” coas receitas do pasado e lamenta que os cambios na estrutura sexan meramente “cosméticos”.
O responsable socialista sinalou que os cambios na organización de áreas responden ás liñas dos acordos de país presentadas polos socialistas galegos no debate de Investidura, que son Sanidade, Vivenda, Economía e Emprego, Lingua e Financiamento Local. Explicou que desta forma evidencia a necesidade dun novo pulo nestas cinco áreas e coincide coa posición dos socialistas galegos diante da “necesidade de cambiar para mellor e centrarse na acción política”.
Gómez Besteiro reclamou un acordo para blindar os servizos públicos, sinaladamente na sanidade pública co compromiso concreto de garantir cita en Atención Primaria en 48 horas ou o reforzo da Dependencia e a educación. Sinalou tamén a urxencia de reforzar a construción de vivenda pública poñendo no mercado 2.500 inmobles cada ano, ou a aposta pola industria e o emprego para “incrementar a capacidade económica e impulsar máis e mellores postos de traballo”.
Aludiu tamén á urxencia dun pacto pola lingua que devolva ao galego o impulso que perdeu logo de 15 anos de gobernos de Feijóo e Rueda e un acordo cos concellos para garantir financiamento e que poidan asumir as competencias derivadas do goberno galego.
Sinalou que a nivel político a decisión de Rueda de suprimir as vicepresidencias “marca perfil presidencialista” ao equiparar a tódolos conselleiros e conselleiras. Lamentou que deixara pasar a oportunidade de configurar un goberno absolutamente paritario co mesmo número de homes que de mulleres, deixando de lado un aspecto fundamental para os socialistas galegos como é a igualdade.
Diálogo coa oposición
O portavoz do Grupo Socialista instou a Rueda a tomar a iniciativa como presidente da Xunta para abrir o diálogo cos grupos parlamentarios e “marcar que tipo de relación quere ter” para acadar “acordos nas cuestións que lle preocupan aos galegos e ás galegas”. Sinalou que os socialistas galegos “ofrecémonos a falar” xa dende o debate de Investidura, onde el mesmo amosou unha “actitude moi positiva” presentando liñas de acordo conxunto.
Subliñou que “a responsabilidade recae en quen é presidente da Xunta”, que é quen ten “dar o paso” e responder a esta “expectativa de diálogo polo país” durante os próximos catro anos de goberno.