Presenta Vilagarcía como exemplo de xestión e de proxecto urbanístico para o futuro encabezado polo seu alcalde, o socialista Alberto Varela
O socialista José Ramón Gómez Besteiro alertou hoxe do “retraso importante” nos proxectos asumidos polo goberno galego con cargo aos fondos de Recuperación entregados polo Estrado, en contraste coa execución “máis rápida e máis eficiente” por parte dos concellos e das deputacións. Así o dixo na visita a Vilagarcía de Arousa, onde mantivo un encontro co alcalde, o socialista Alberto Varela.
O representante socialista subliñou que a experiencia na xestión destes fondos “serve para que no futuro os fondos e os orzamentos sexan executados polas administracións locais” polas garantías que ofrecen coa súa xestión. Lembrou que os fondos do Plan de Recuperación, que chegaron a España dende a UE pola xestión “para nota” por parte do Executivo, teñen “uns obxectivos que teñen que hai que cumprir en prazo”.
Aludiu así á recente entrevista que mantivo como delegado do Goberno co presidente da Xunta, a quen lle trasladou que “todos sumemos” ratificando o impulso a estas iniciativas “negro sobre branco”.
Exemplo de Vilagarcía
Estes fondos, dixo, teñen o obxectivo de “transformar e humanizar as rúas das vilas e pobos de Galicia”, co impulso á dixitalización e ás obras de eficiencia enerxética ademais dos grandes proxectos industriais. Puxo como exemplo a xestión e o proxecto de futuro do alcalde de Vilagarcía, unha cidade que amosa tanto o éxito na xestión dos proxectos xa executados como do “proxecto de futuro”.
Así, subliñou que a campaña electoral “vai servir para confirmar o éxito de 8 anos de boa xestión, ademais do que vén tamén de boa xestión para os próximos 4 anos”, na próxima etapa que comeza o 28 de maio.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, acompañou a Gómez Besteiro ao peirao do Ramal para presentarlle o proxecto de abrir Vilagarcía ao mar recuperando unha zona degradada con naves en desuso e construcións degradadas que grazas ao Plan de Recuperación se converterán nunha zona de transición entre o parque e a praia.
Aliado fundamental
Salientou que grazas ao traballo do “aliado fundamental do goberno do Estado e aos fondos europeos”, Vilagarcía dispón de 3 millóns de euros para executar o proxecto do Ramal, para recuperar o comercio local e a praza de Abastos con eficiencia enerxética, a dixitalización do tecido local ou a mellora loxística para o reparto de mercadorías.
Lembrou os proxectos que o seu goberno executará grazas ao compromiso co goberno do Estado, que inclúen a mellora das infraestruturas da vila, como o caso da estrada N-640. Anunciou que os socialistas de Vilagarcía afrontan a campaña de cara ao futuro, para desenvolver o proxecto que permitirá á cidade “seguir traballando e seguir progresando”.