O secretario xeral do PSdeG criticou en Lugo que o Partido Popular “se pon á fronte de todas as dereitas” para apostar por un modelo “que xera desigualdade e insolidariedade”
O líder socialista defendeu na clausura da xornada de “Diálogos con Raíz” a xustiza social e o benestar “tamén na Galicia interior” e animou a “reivindicar con orgullo o mundo rural”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe en Lugo que o PP votase no Congreso contra o decreto co que o Goberno viña de impulsar unha serie de medidas en favor do escudo social. “Isto vai de modelos, e o Partido Popular defende un sistema desigual”, censurou o líder socialista. Con todo, cualificou de “absolutamente irracional” a posición de Feijoo, “votando en contra de pensionistas, de traballadores e traballadoras, desa protección social que nos iguala a todos”.
“O socialista é o partido que defende a xustiza social e o benestar, tamén na Galicia interior”, afirmou durante as xornadas que o ciclo de debates “Diálogos con Raíz” dedicou na capital luguesa ao sector primario. “Por iso non entendemos que o PP vote en contra de pensionistas, traballadores, estudantes, dos bonos de transporte e outras cuestións importantes, coma descontos nas peaxes e bonificacións a industrias que consuman moita electricidade”, insistiu, e lamentou que os populares obstrúan medidas “para o desenvolvemento e para o futuro”.
Para Besteiro, o do PP é un modelo “que non quere a maioría da cidadanía”, e tampouco nun rural con grandes potencialidades e que sofre “ese proxecto desigual”. Porque “para vivir no rural necesítanse servizos públicos, sanidade, educación… Todo o que permite que a xente poida gozar da mesma calidade de vida con independencia do lugar no que resida”, sinalou.
O líder socialista enmarcou na loita “contra esa Galicia desigual” o proxecto do PSdeG e, en concreto, a xornada desta mañá en Lugo, na que se analizaron cuestións que serven para “deseñar o futuro con orgullo” e coa aspiración “de salvar as enormes desigualdades” que provocan as políticas do Goberno de Rueda. “Por iso criticamos ese modelo conservador do PP, que se pon á fronte de todas as dereitas para xerar desigualdade e insolidariedade”, subliñou.
Na clausura da xornada, o secretario xeral valorou o peso do sector primario da Galicia interior, tanto no que se refire á produción como ao valor transformador, que o sitúa en preto do 12 % do PIB e dá traballo a arredor de 100.000 persoas. Chamou a atención, porén, sobre o descenso que implica esa última cifra, xa que en pouco máis dunha década se perderon 15.000 empregos. “Precisamos novos pulos”, sinalou sobre un sector que “está cada vez máis modernizado” e que desenvolve proxectos innovadores, pero que necesita unha reformulación da cadea de valor, garantindo os prezos aos produtores, e dun impulso máis decidido pola dfixitalización, a transformación e a comercialización.
Besteiro identificou como un dos problemas máis graves a falta de relevo xeracional, unha cuestión que conectou co reto demográfico e coas perspectivas de futuro do rural. “Debemos consolidar esas perspectivas económicas”, defendeu, como tamén o apoio ás novas xeracións para “garantir no futuro a capacidade de subministros e o mantemento da produción en Galicia”.
A xornada de “Diálogos con Raíz” sobre o sector primario da Galicia interior contou con expertos do mundo empresarial, sindical, académico, do cooperativismo e da Administración. Encargáronse de inaugurala a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Deputación e secretario xeral do PSdeG da provincial, José Tomé.
Na primeira das mesas, que analizou os aspectos socioeconómicos, participaron o director de operacións do Grupo Lence, Jesús García; a directora da Escola Politécnica Superior da USC (Campus de Lugo), Rosa Romero, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o conselleiro de Ordenación do Territorio do Principado de Asturias, Alejandro Calvo. Moderouna a viceportavoz socialista no Parlamento galego Lara Méndez.
A segunda mesa estivo dedicada á produción e a transformación. Formaron parte dela o presidente do Consello Sectorial de Leite e Productos Lácteos de CAE, Daniel Ferreiro, a presidenta de LugoMadera, María del Carmen Gayoso, e o alcalde de Ribeira de Piquín e secretario de Medio Rural do PSdeG, Roberto Fernández. Encargouse de moderar o debate a concelleira lucense Ana Abelleira.