O candidato socialista á presidencia da Xunta chama a repetir a mobilización das últimas eleccións locais e xerais porque “desta vai”, e subliña que “se ti votas, eles marchan”
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse hoxe a liderar un goberno “que diga a verdade” e “que conteste”, fronte a un Rueda á cabeza dunha Xunta que demostrou “un desastre institucional” na xestión da crise dos pélets. Besteiro interveu na presentación das candidaturas do PSdeG nestas eleccións xunto coas cabeza de lista das catro provincias, Patricia Iglesias -A Coruña-, Lara Méndez -Lugo-, Carmen Dacosta -Ourense- e Elena Espinosa -Pontevedra-.
O responsable socialista sinalou á xestión “torpe e incompetente” da marea branca por parte dun goberno galego liderado por un Rueda que logo de 13 anos como responsable da xestión das emerxencias, afrontou a chegada de pélets demostrando “inacción, incompetencia, soberbia e mentiras”. Afeoulle que tardara un mes en pisar unha praia logo de que os seus conselleiros do Mar e de Medio Ambiente chegaran a dicir que os plásticos “entran por onde entran e saen por onde saen” ou que os pélets non eran tóxicos.
Besteiro presentou unha alternativa de goberno liderada polo PSdeG que representa “o galeguismo útil, o que soluciona os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas, o que consigue para o noso país o que ningún outro partido é capaz de conseguir”. O candidato socialista desgranou as liñas mestras do proxecto alternativo centrado na blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia en base ao emprego de calidade.
Defendeu un plan integral de recuperación da Atención Primaria para evitar o colapso das urxencias, que constitúe “outra gran crise que seguen negando” dende o goberno galego. Propuxo un plan de choque de política de vivenda cunha batería de medidas que garanta o acceso á vivenda con prezos xustos, así como un Pacto Galego polo Eólico e as enerxías renovables que faga de Galicia “un territorio enerxético”.
O candidato socialista apostou por”seguir traballando pola reindustrialización de Galicia no marco da transición ecolóxica e no contexto de emerxencia climática. Reclamou un transporte metropolitano “que funcione” e que estea “realmente ao servizo dos galegos e das galegas”.
Gómez Besteiro engadiu que completar o mapa das infraestruturas galegas será un dos principais eixos da súa xestión de goberno nunha Galicia que debe seguir “camiñando cara á gratuidade da AP-9”, e que deberá estar “preparada para a posta en marcha dos trens Avril”.
No acto celebrado hoxe nun Multiusos Fontes do Sar abarrotado, presentou as súas principais propostas de goberno fronte a un PP que “non quere que os galegos e as galegas saiban que temos eleccións o 18 de febreiro” porque, afirmou, “a Galicia durmida é a que lle dá vida ao PP”. Por iso, dixo, é que “non quere confrontar os modelos de país” e logo de 23 días se nega a aceptar a propostan de debates electorais, cando a realidade é que “merecemos un goberno que cando menos conteste”.
Sinalou que mentres Rueda “só lle interesa falar do quelle mandan desde Madrid”, os socialistas presentan propostas e presentan un equipo alternativo liderado por catro mulleres que encabezan “unhas candidaturas feministas, transformadoras e profundamente comprometidas con Galicia”. Unha candidatura, dixo, “con experiencia, ambición e solvente” da que “xurdirá o futuro goberno da Xunta de Galicia”.
Desta Vai!
Advertiu que “todos sabemos que nestas eleccións o gran rival do PP é o Partido Socialista”, e chamou aos socialistas e ás socialistas a liderar a mobilización social que repita o respaldo que obtiveron nos pasados comicios locais e xerais, e cos que “Galicia gaña, e o PP perde”. Advertiu que a dereita “quere que a campaña pase desapercibida” para frear a marea de apoio socialista porque saben que “se ti votas, eles marchan”, e advertiu que cando o PP di “éche o que hai”, os socialistas “dicimos Desta Vai!”, subliñando o lema de precampaña.
Apuntou que “a nós non nos van regalar a presidencia como a Rueda” e que “ímola gañar en cada cidade, en cada pobo, en cada rúa”, antes de lembrar que os 100 alcaldes e alcaldesas do PSdeG que se reuniron esta mesma semana e que gobernan a máis galegos que PP e BNG xuntos. Uns rexedores e rexedoras que son toda unha referencia, unha folla de intachable servizo aos galegos e galegas da que nos sentimos orgullosos”.
Do outro lado, apuntou a un Rueda ao que “se lle está poñendo cara de Feijóo”, apoiado por “aqueles que dicían que Feijóo ía estar na Moncloa” e que son “os mesmos que din que Rueda vai gañar as eleccións”. Por iso, explicou, están empeñados e “vir falar dos temas que non lle importan aos galegos, que se Cataluña, que se amnistía, que se Bildu, que se nos gusta a fruta”, aos que emprazou a contestarlles “Rueda, queres kiwis?”, sinalando a coñecida brincadeira do actor e humorista galego Carlos Blanco.
Candidatas
No acto interveu a número 2 por Lugo, a ex alcaldesa Lara Méndez, que defendeu o proxecto de goberno de Besteiro para situar a Galicia “na vangarda e no futuro”, que pare coa fuga de talento da mocidade mellor preparada. A cabeza de lista por Ourense, Carmen Dacosta, chamou á mobilización para “pasar páxina e mudar o futuro de Galicia” fronte a un Rueda “gris” que obvia ás mulleres, aos mozos, aos dependentes, parados, ao sector industrial e aos concellos e reivindicou a “aposta polo reequilibro territorial”.
A número 1 por Pontevedra, Elena Espinosa, animou á cidadanía a “limpar a contaminación política da Xunta de Galicia” e reclamou un goberno socialista que remate co “desprezo” aos alcaldes e alcaldesas do PSdeG. Finalmente, a cabeza de lista por A Coruña, Patricia Iglesias, criticou a xestión dun PP que “coloniza a Xunta negándose a desenvolver o autogoberno” e sinalou: “a Xunta é das galegas e dos galegos”.
O acto comezou coa intervención do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que animou á mobilización nos “poucos días que quedan para cambiar o destino do país” cun novo goberno encabezado por Gómez Besteiro”. Formoso comprometeu un goberno “sensible coas persoas” que permita acadar “a Galicia soñada”.