O candidato socialista presenta na Convención Política do PSOE o seu plan de medidas de goberno para o despegue industrial de Galicia dende unha Xunta que “deixe de ser obstáculo e comece a ser compañeira” dos investimentos económicos
Garantiu a constitución dunha Sociedade Pública de Enerxía que apoie os proxectos estratéxicos para o país
Creará un organismo de xestión dos fondos europeos que garanta recursos, simplifique normativa e axilice os proxectos
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asumiu hoxe o compromiso de equiparar o poder adquisitivo dos galegos e das galegas coa media estatal. Besteiro participou hoxe, xunto coa vicepresidenta Primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, no Foro sobre Modernización e Reindustrialización, que se celebra dentro da Convención Política que organiza o PSOE na Coruña, e que foi moderado polo europarlamentario galego Nicolás González Casares.
Besteiro defendeu un goberno galego que actúe como partner do mundo empresarial, que sexa “acompañante activo e dinamizador”, co obxectivo de incrementar o peso relativo do PIB dende o 15 por cento ao 20 por cento que marca Europa. Para iso, explicou, precisa dunha Xunta que supere a falla de política industrial dos últimos 15 anos de gobernos do PP e “deixe de ser obstáculo e comece a ser compañeira dos investimentos” do tecido económico.
O candidato socialista despregou na súa intervención un modelo propio de crecemento e reindustrialización de Galicia fronte aos “recortes sociais e a inacción do PP”, que lonxe de acompañar e impulsar ao sector económico e industrial, exerceu como “muro” para as posibilidades de Galicia.
Besteiro garantiu hoxe a constitución dunha Sociedade Pública de Enerxía que apoie os proxectos estratéxicos para o país, e que ofreza unha resposta seria máis alá do ente privado “Impulsa Galicia”, que o goberno galego constituíu amparado por unha Lei que aínda non existe, e que nin sequera foi enviada para a súa tramitación no Parlamento.
Xestión de fondos europeos
Anunciou o compromiso de constituír un organismo de xestión dos fondos europeos en Galicia que garanta recursos, simplificación normativa e axilizar os proxectos comunitarios para “facelos tanxibles”. Advertiu que “Galicia necesita que os fondos cheguen á economía real” e que a Xunta deixe de actuar como “atasco”, xa que, asegurou, desaproveitou 5 de cada 10 euros dos fondos comunitarios para fixar poboación a través da nova industrialización.
Garantiu un “novo modelo de gobernanza pública baseada na utilización eficiente os recursos públicos” e que permita despregar un novo modelo de desenvolvemento industrial a partir da enerxía verde que sexa respectuoso co medio e que redunde no beneficio das comunidades locais nas que se implante.
O líder socialista reclamou un cambio logo de 15 anos de xestión do PP nos que Galicia perde o tren da modernización por mor dunha Xunta “ausente ou pasota”, nos que perdeu o 5,92 por cento das persoas ocupadas, o 21,67 por cento só no sector industrial. Defendeu un modelo industrial alternativo que sitúe “á persoa como única razón das nosas políticas económicas e modernizadoras”.
Gómez Besteiro explicou que o impulso da modernización e da industrialización constitúe unha “forma de loitar contra a desigualdade social e de cohesionar aos territorios”, e apuntou que “sen unha verdadeira cohesión territorial non hai democracia”.
Modelo global
O candidato socialista presentou un “modelo global” que dea impulso industrial e aproveite os fondos europeos. Lembrou que Galicia recibiu 3.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, dos que 1.500 deberan ser xestionados de forma directa polo goberno galego.
Explicou que a “oportunidade” de Galicia reside na “variedade” da súa potencialidade, xa que “Galicia é a enerxía, pero tamén o naval reactivado de Navantia e as súas industrias derivadas”. Sinalou ao I+D que representa a Aesia na Coruña ou os Pertes dos chips en Vigo, do automóvil de Stellantis -apuntalado coa alta tensión-, o Perte agroalimentario da industria láctea galega ou un sector forestal esencial en España e en Europa.