“Hai moitas cousas que nos unen, como son a aposta pola industrialización e o respecto ao medio ambiente e ao patrimonio cultural”, destacou o secretario xeral sobre os obxectivos comúns do colectivo e do Partido Socialista
O Grupo Socialista levará ao pleno unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a aprobar a normativa precisa para unha implantación ordenada da enerxía eólica, da que dependen proxectos con capacidade para soster 7.000 empregos
Santiago, 22 de maio. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, compartiu hoxe co Foro Fieito o contido do Pacto por unha Enerxía Eólica Sostible para Galicia, promovido polos socialistas e que quere seguir abrindo a toda a sociedade galega. Besteiro mantivo esta mañá unha reunión con representantes do colectivo, integrado por académicos, tecnólogos, profesionais e industriais e que ten como obxectivo contribuír a unha industrialización sostible e á transición ecolóxica na comunidade. “Hai moitas cousas que nos unen, como son esa aposta pola industria e o respecto ao medio ambiente e ao patrimonio cultural”, destacou.
Durante o encontro, o primeiro que o Foro mantivo cunha organización política logo da súa constitución, o pasado 30 de abril, o secretario xeral presentou tamén unha proposición non de lei que o Grupo Socialista vén de rexistrar para o seu debate no pleno do Parlamento galego, no marco dunha serie de iniciativas nese senso. A través dela, esíxeselle á Xunta a aprobación da normativa precisa para unha implantación ordenada de enerxía eólica, con avaliacións de impacto medioambiental rigorosas e primando a instalación de aeroxeneradores que incorporen innovacións orientadas a reducir o impacto ambiental dos parques. “Insistimos na seguridade xurídica porque permite que os investimentos se fixen en Galicia”, matizou.
Besteiro lembrou tras a xuntanza que a despregadura de enerxías renovables é imprescindible para o desenvolvemento industrial, e por iso se debe “recuperar o tempo perdido pola paralización eólica durante os gobernos do PP” na Xunta. Galicia atópase, dixo, nun “momento clave” da transición enerxética e debe aspirar a ser líder porque ten todas as potencialidades, como son o recurso eólico, o coñecemento, a experiencia e a capacidade tecnolóxica. Diso dependen, recordou, 7.000 postos de traballo, tanto actuais como os que contemplan os grandes proxectos industriais que están botando a andar na comunidade. Esas iniciativas “van traer máis empregos e de maior calidade”, afirmou.
O secretario xeral criticou que, porén, a falta de política da Xunta respecto das renovables ten como consecuencia que unha trintena de proxectos eólicos estean paralizados. “Preocúpanos ese frenazo que se está producindo”, dixo.
O modelo socialista, explicou, defende que é tan insensato un desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica como a prohibición total de novas iniciativas. Así, defendeu unha implantación da eólica que consiga que os beneficios revertan en Galicia e que fomente que os proxectos se desenvolvan de xeito consensuado coas comunidades locais.
No encontro desta mañá participaron, por parte do Foro Fieito, Luis Miguel Varela, catedrático de Física da USC e antigo xerente da Asociación Galega do Hidróxeno; Dolores Riveiro, directora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, e Óscar Rodríguez Figueiras, profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Acompañaron a Besteiro a portavoz de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, e o secretario de Transición Enerxética e Planificación Industrial do PSdeG, Ángel Mato.