O Secretario xeral do PSdeG apoia que a comunidade lidere un novo modelo que protexa os seus intereses e fortaleza os servizos públicos, e aposta por un reparto xusto das competencias coas administracións locais
O líder socialista asegurou que, coa negativa a que Feijoo compareza na comisión de investigación sobre a contratación da Xunta, o PP “confirma a culpabilidade” do expresidente da Xunta
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou hoxe unha nova xornada de “Diálogos con Raíz” que nesta ocasión abordou cuestións clave sobre o financiamento autonómico e a distribución de competencias. Na súa intervención, Gómez Besteiro subliñou a importancia de situar a Galicia nunha posición activa e responsable no debate sobre a reforma do modelo de financiamento, destacando a necesidade de garantir a igualdade entre territorios e a sustentabilidade dos servizos públicos.
Durante o evento, que tivo lugar no Centro Cívico do Romaño en Santiago de Compostela, abordáronse temas fundamentais para o futuro de Galicia, como a adaptación do sistema de financiamento ás necesidades específicas da comunidade, caracterizada polo envellecemento poboacional, a dispersión territorial e as particularidades xeográficas. Gómez Besteiro remarcou que “Galicia non pode ser unha peza de xogo no taboleiro estatal, debe defender unha posición firme e constructiva que faga valer as súas particularidades”. Ademais, destacou que “todo debate sobre financiamento debe ter en conta que o obxectivo debe ser garantir servizos e dereitos, e por tanto toda reforma debe pensar nas persoas e non nos territorios”. Nese senso, insistiu en que a comunidade “debe defender os seus dereitos ao mesmo tempo que atender as súas obrigas cos concellos”.
Na liña que amosaron os ponentes da xornada, alertou sobre o problema de defender un modelo de concerto propio para Galicia, que desfondaría as arcas públicas e sería absolutamente ineficiente. “Galicia é unha comunidade que se sente ben dentro do modelo autonomista, e é beneficiaria de el. Non ten ningún sentido defender coas tripas ideas que nos deixarían sen fondos para financiar correctamente as pensións ou para os principais servizos públicos, como a sanidade”.
Gómez Besteiro criticou a falta de compromiso do Goberno autonómico na defensa dos intereses galegos, facendo referencia á negativa a negociar unha quita da débeda pública que, segundo defendeu, “permitiría liberar recursos para fortalecer servizos clave como a sanidade, a educación e a política social”. O líder socialista salientou a importancia de aproveitar as disposicións do Goberno do Estado para aumentar os recursos destinados ás autonomías e alertou sobre a urxencia de “unha política autonómica comprometida coa realidade galega, sen dilacións nin intereses partidistas”.
No contexto do financiamento local, Gómez Besteiro fixo un chamamento a unha distribución máis xusta das competencias e dos recursos, en particular para os concellos, que asumen responsabilidades sen o apoio económico suficiente. “É necesario que os gobernos municipais conten cos fondos adecuados para garantir servizos básicos para a cidadanía. A situación actual só engade presión sobre os concellos e acaba por prexudicar os veciños”, afirmou.
Os “Diálogos con Raíz” son un espazo de análise e reflexión. Nesta ocasión a xornada contou coa participación de expertos de referencia como Santiago Lago, María Cadaval e Alberto Turnes, quen analizaron os desafíos e oportunidades no financiamento autonómico. Tamén se tratou a situación do financiamento local e a urxencia dunha reorganización das competencias entre a administración autonómica e os concellos para optimizar a xestión dos recursos.
Gómez Besteiro concluíu a súa intervención subliñando que “Galicia debe estar á altura dos retos actuais, co obxectivo de garantir a equidade e a eficiencia na prestación de servizos aos galegos e galegas”. Este acto reafirma o compromiso do PSdeG de impulsar un modelo de financiamento que responda ás necesidades reais de Galicia e que respecte os principios de solidariedade e xustiza entre os territorios.
“O PP non quere que se investigue nada”
A preguntas dos medios, o secretario xeral do PSdeG pronunciouse tamén sobre a posta en marcha da Comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica. “O PP non quere que se investigue nada”, resumiu despois de constatar que para os populares “é máis interesante que veña o presidente de Cataluña a falar sobre a construción do hospital de Vigo e ese sobrecuste de 470 millóns que que veña Alberto Núñez Feijoo”.
Coa decisión de vetar a comparecencia de quen lideraba o Goberno galego cando se produciron os feitos que se queren investigar, “o Partido Popular acaba de confirmar a culpabilidade de Feijoo, claramente”, sinalou Besteiro. Pero tamén asegurou que os socialistas manterán o seu traballo na comisión aínda “con todos os obstáculos que pon o PP” e manterán o seu compromiso de “buscar a verdade”.
O líder socialista insistiu en que o seu grupo “non admite condicións, non admite vetos e non admite tampouco componendas, como outros partidos”, e seguirá sen moverse da súa posición. “Non queremos vetar a ninguén, pero tampouco consentimos que nos veten”, afirmou.
Para José Ramón Gómez Besteiro, o importante é coñecer “a verdade do que aconteceu cos contratos que se fixeron durante a pandemia, os contratos que cremos firmemente que beneficiaron a familiares, a persoas vinculadas co PP e a altos cargos populares”, como tamén “chegar ata o final” en relación ao sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro, “un sobrecuste non calquera, senón un sobrecuste de 470 millóns de euros”.