José Ramón Gómez Besteiro, Elena Espinosa e Julio Torrado mostraron a SOS Sanidade o apoio dos e das socialistas á mobilización convocada pola plataforma
Máis de 220.000 galegos e galegas agardan unha cita cun especialista e cerca de 51.000 atópanse en lista de espera para unha cirurxía
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse na sede nacional dos socialistas galegos co portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, para trasladarlle o apoio do partido á manifestación convocada para o 6 de abril en Santiago en favor da sanidade pública galega. Nela, espérase “reeditar o éxito da concentración de xaneiro en Vigo, cando máis de 60.000 persoas se botaron á rúa para defender unha sanidade pública de calidade”, sinalou Besteiro.
Na xuntanza participaron tamén a deputada Elena Espinosa, portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego; o secretario de Sanidade e portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, e, por parte da plataforma, Carlos Pardo.
“É unha cita á que todos e todas debemos acudir”, asegurou o líder socialista tras o encontro. Denunciou que a sanidade pública “está recibindo ataques inaceptables desde a dereita política” e chamou a defender un dereito e un servizo “que nos protexe a todos e todas”. Criticou que a Xunta manteña centros de saúde pechados, advertiu da falta de profesionais sanitarios e alertou das “listas de espera interminables” tanto na atención primaria coma en especialidades e cirurxías.
De feito, a día de hoxe son máis de 220.000 os galegos e galegas que están agardando por unha cita cun especialista. No caso das cirurxías, o número sitúase xa preto das 51.000 persoas á espera dunha intervención.
O secretario xeral recordou que o Partido Socialista estará na mobilización “coma sempre estivo” desde os primeiros pasos dunha plataforma da que o PSdeG “é membro fundador”, e comprometeuse a seguir defendendo “uns servizos públicos de calidade” como un dos eixos das políticas dos e das socialistas de Galicia. Criticou que, pola contra, o Partido Popular rexeite poñer en marcha medidas para reducir o tempo de atención, mentres Rueda mantén no cargo a un conselleiro “ao que lle parece unha broma que a xente enferme”.
Recordou tamén que Galicia está hoxe á cola de investimento por habitante no campo da atención primaria. A esa eiva súmanse as condicións laborais do persoal do Sergas, que están entre as peores de España, os médicos e médicas en formación son dos peor pagados e a ratio de profesionais sanitarios respecto da poboación está moi por debaixo da media do Estado.