Mantén un encontro cos alcaldes e portavoces socialistas da área sanitaria para coordinar a súa participación na protesta convocada por SOS Sanidade Pública
O portavoz do Grupo Socialista defendeu que a sanidade é “un piar fundamental para os socialistas galegos que imos seguir abandeirando por convicción, por coherencia e por compromiso coa cidadanía”
Abel Caballero empraza ás viguesas e vigueses a saír á rúa para “defender a saúde da xente” fronte á xestión dun Rueda que “é aínda peor que Feijóo para a cidade”
Vigo, 14 de xaneiro de 2025. O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes e cargos políticos e orgánicos do PSdeG da área sanitaria de Vigo para coordinar a participación conxunta na manifestación do próximo xoves na cidade olívica. O responsable socialista chamou á cidadanía a apoiar a esta concentración convocada por SOS Sanidade Pública para reivindicar unha sanidade pública de calidade e o freo á privatización da sanidade imposta polo goberno do PP.
Gómez Besteiro esixiulle ao goberno galego que remate de inmediato co maltrato á cidadanía de Vigo e os concellos que abrangue a área sanitaria e que garanta a sanidade pública, digna e de calidade que merecen os habitantes da cidade e a súa área de influencia. Advertiu que a defensa duns servizos públicos de calidade é un piar fundamental na acción política dos socialistas galegos, que “vamos seguir abandeirando por convicción, por coherencia e por compromiso coa cidadanía”.
Criticou que a acción política do PP é a que situou a Galicia no vagón de cola do investimento por habitante dedicado á atención primaria, que mantén ás condicións laborais do persoal do Sergas entre as peores de España. Ademais continúa a ser da que peor pagan aos médicos en formación, e o número de médicos e enfermeiros por cada 1.000 habitantes están moi por debaixo da media do Estado.
O responsable socialista trasladou o pleno apoio dos socialistas galegos ás demandas da manifestación convocada para o próximo xoves, que esixe o reforzo da atención primaria para baixar unhas listas de espera inasumibles e o incremento das camas do Hospital Álvaro Cunqueiro para cumprir co proxecto orixinal, que foi desbotado polo goberno do PP para construír un centro máis pequeno e máis caro, con 470 millóns de euros de sobrecuste.
Nesta concentración reclaman a dotación dunha unidade de queimados ao hospital vigués, ademais da construción dun Centro de Alta Resolución no centro de Vigo, a integración da actividade de Galaria no Sergas e a reorganización da atención sanitaria no Morrazo, coa construción dun novo CAR e a mellora dos centros de saúde para garantir un servizo sanitario de calidade e en igualdade de condicións.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, emprazou ás viguesas e vigueses a saír á rúa para “defender a saúde da xente” fronte á xestión dun Rueda que “é aínda peor que Feijóo” e encabeza unha Xunta que está “absolutamente fora da cidade e que funciona mal”. Reivindicou “máis profesionais, máis atención, máis recursos e un diñeiro público mellor xestionado”, que garantan unha “sanidade acorde” co que merece a poboación do concello.
Gómez Besteiro mantivo este encontro no que ademais do rexedor de Vigo participaron a alcaldesa de Redondela -Digna Rivas-, os alcaldes de Nigrán -Juan González- e Tui -Enrique Cabaleiro-, así como os portavoces municipais e representantes do PSdeG no resto dos concellos da área sanitaria, o secretario provincial, David Regades, a senadora Carmela Silva ou a portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento, Elena Espinosa.