O secretario xeral avanzou na xornada do ciclo “Diálogos con Raíz” na Coruña que os socialistas defenderán unha emenda á totalidade da lei de intelixencia artificial que tramita a Xunta do PP, por “vaga e inconcreta”, xa que é “unha mera adaptación do xa existente”
O líder do PSdeG situou o avance tecnolóxico “no centro do descurso do partido” e criticou que os Orzamentos do Partido Popular recorten en investigación sanitaria mentres incrementan o gasto “en partidas de ocio e outras actividades”
O secretario xeral dos socialistas galegos e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe na Coruña a converter a ciencia e a innovación nunha “verdadeira aposta de futuro” para Galicia. Do contrario, asegurou, “pasaranos o mesmo que nos pasa no plano económico, que España avanza, medra, prospera, pero nós medramos un pouco menos, e ese pouco menos é o que nos vai relegando na prosperidade e a transformación deste país”.
O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións durante a xornada “Diálogos con Raíz” sobre Ciencia, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane. Na súa intervención para clausurar o evento, anunciou a presentación dunha emenda á totalidade á proposta de lexislación sobre Intelixencia Artificial da Xunta de Galicia, porque, dixo, “é vaga, inconcreta e unha mera adaptación do xa existente” nas normativas europea e española. Besteiro defendeu, nese senso, a necesidade dunha lei máis ambiciosa que aproveite as oportunidades desta tecnoloxía garantindo a protección dos dereitos cidadáns. “Estamos a tempo de mellorala”, dixo.
Tamén destacou que Galicia ten unha posición estratéxica como potencia innovadora, subliñando o papel da Coruña como cidade de referencia *grazas* á sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “A AESIA é unha oportunidade única para situar a Galicia no mapa da innovación e do progreso tecnolóxico a nivel nacional e europeo”, afirmou.
Aposta pola ciencia e a investigación
O secretario xeral dos socialistas galegos sinalou o compromiso coa ciencia e a investigación como sectores fundamentais para construír unha Galicia moderna e avanzada, e criticou a falta de apoio do Goberno galego, destacando que o orzamento para investigación sanitaria en 2025 foi reducido nun 10%, quedando en 23 millóns de euros, “fronte a partidas de ocio de outras actividades, que prosperan e aumentan moitísimo”. Tamén puxo de relevo que os 106 millóns asignados á investigación universitaria son inferiores aos 129 millóns destinados á CRTVG.
“Sen ciencia non hai futuro, e Galicia merece un Goberno que aposte decididamente polo coñecemento e a innovación”, insistiu, como si fai o Partido Socialista, “situando o avance tecnolóxico no centro do descurso do PSdeG”.
Debate de alto nivel cos maiores expertos
A xornada, que contou tamén coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, albergou dúas mesas redondas que reuniron a destacados profesionais do ámbito científico e tecnolóxico. Na primeira, centrada na ciencia, participaron o presidente da Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o catedrático Salvador Naya, recoñecido pola súa experiencia en creación de redes colaborativas de investigadores; e María de la Fuente, investigadora en oncoloxía e referente en igualdade no ámbito científico, que destacou pola súa loita polos dereitos das mulleres no contexto da maternidade.
Moderouna Julio Abalde, que apuntou a necesidade de “disponer dun sistema de investigación potente e ben articulado na nosa comunidade, e que estea ben financiado”, de modo que Galicia “non quede atrás” respecto do resto do país.
Na segunda mesa, dedicada á Intelixencia Artificial, participaron expertos como Berta Guijarro, profesora de Computación e Tecnoloxías da Información; Alberto Gago, director da Oficina de Dixitalización España 2030; José Varela, responsable de Dixitalización de UGT, e a decana do Colexio de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, que falou dos retos aos que se enfrontan os profesionais no eido da desinformación. Os participantes analizaron os desafíos e oportunidades desta tecnoloxía, centrándose nos seus impactos no mercado de traballo, na información e no equilibrio ético no seu desenvolvemento.
O moderador, Senén Barro, sinalou o impacto da IA como unha oportunidade non exenta de riscos que debe ser orientada “cara o ben común, non para o ben duns poucos, dos poucos de sempre”.
Besteiro concluíu destacando a relevancia de Galicia como un polo estratéxico de innovación e progreso. “O avance tecnolóxico e científico debe ser sempre unha oportunidade para mellorar a vida das persoas. Como galegos, temos a responsabilidade de xestionalo e regulalo para que beneficie ao conxunto da sociedade”, afirmou.