O líder dos socialistas galegos considera “unha estratexia suicida incomprensible” o voto dos de Feijóo e Rueda, que onte decidiron quitarlle o paraugas social aos galegos e galegas, rexeitando ademais 702 millóns de euros de entregas a conta para esta Comunidade Autónoma
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe o que cualificou de “castigo irracional” de Feijóo e Rueda a tódolos galegos e galegas ao votar onte en contra do paraugas social que afecta a centos de milleiros de galegos e galegas. Co seu voto de onte, explicou, prexudican de forma directa aos 693.350 pensionistas de Galicia, así como ás máis de 82.000 traballadoras e estudantes que utilizan os abonos gratuítos de tren.
Preguntoulle ao presidente da Xunta por que quere afondar nas desigualdades dos preto de 700.000 pensionistas galegos, que co voto desleal do PP de Feijóo e Rueda van ver como se reducen as súas pensións 34 euros ao mes e perderán 441 euros ao ano. Lembrou que Galicia é a cuarta Comunidade Autónoma co maior número de pensionistas, só por baixo de Cataluña, Madrid e a Comunidade Valenciana, e son os que teñen as pensións máis baixas, só por riba de Estremadura.
Engadiu que “terán que explicarlle aos máis de 82.000 traballadores e estudantes por que lles retiran as bonificacións para o tren”. Decenas de milleiros de galegos e galegas que podían permitirse estudar ou traballar fora da casa, dixo, veranse obrigados a “tomar decisións moi duras” pola deslealdade dun PP “para o que todo vale”, mesmo obrigar aos galegos e galegas a pagar 363 euros ao mes polo billete mensual entre A Coruña e Vigo ou 414 entre A Coruña e Ourense.
Acusou ao PP de non dubidar da oposición do PP, que non dubida en aliarse coa estrema dereita e Junts nunha “estratexia suicida” que suporá que tódolos galegos e galegas van perder 702 millóns de euros de entregas a conta que ía recibir esta Comunidade Autónoma, así como a bonificación do 80 por cento das peaxes para as industrias consumidoras de enerxía eléctrica de alta intensidade.
Estas partidas serán suprimidas por un PP ao que non lle treme o pulso para castigar a quen máis o necesita, deixando polo camiño sen 501 euros a cada beneficiario do Ingreso Mínimo Vital pola decisión do PP e da extrema dereita de situarse “á fronte das políticas de desigualdade”.