“Que van votar os deputados do PP de Galicia cando chegue ao Congreso o perdón da débeda?”, preguntouse o secretario xeral do PSdeG tras a “espantada” dos populares
O líder socialista cualificou de “irresponsabilidade” e “traizón” poñer os intereses de Feijoo por diante dos de todos os galegos e galegas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro cualificou hoxe de “farsa” a espantada dos conselleiros do PP nada mais comezar a reunión do Consello de Política Fiscal no que se debatía a condonación de débeda ás comunidades autónomas. Tal como avanzara pola mañá o líder socialista, durante a sesión de control no Parlamento, o Goberno galego foi á reunión a “culebrear”.
Para Besteiro, “digan o que digan en público”, os populares “saben que a condonación é unha medida positiva, histórica”. Por iso “preferiron marchar en vez de votar en contra”, que era o que lles ordenara Feijoo. O tamén portavoz do Grupo Socialista na Cámara autonómica dixo que “coa irresponsabilidade de Rueda Galicia arríscase a perder 4.000 millóns de euros”, ademais de “hipotecar” o futuro dos servizos públicos e comprometer o desenvolvemento económico da comunidade en igualdade de condicións con outros territorios.
Por ese motivo, o presidente da Xunta “vai ter moito que explicar”. O primeiro, por que “antepón os intereses do seu partido aos dos galegos e galegas”, afirmou o secretario xeral socialista. Con todo, Besteiro considera que a pregunta máis importante é “que van votar os deputados do PP de Galicia cando chegue ao Congreso o perdón da débeda?”. Nese momento comprobarase “se volven traizoar a Galicia”, dixo.