O portavoz socialista destacou a importancia de aproveitar os fondos europeos para impulsar o crecemento económico e frear o despoboamento rural
Besteiro defendeu unha estratexia de reindustrialización para aumentar o PIB industrial ao 20% e crear 40.000 novos empregos en Galicia
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista e candidato á secretaría xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, participou hoxe nun almorzo-coloquio coa asociación de empresarios Vicus Gallaecia, celebrado en Vigo. Durante o encontro, Besteiro compartiu a súa análise sobre a situación socioeconómica de Galicia, destacando a importancia de fortalecer a colaboración público-privada para impulsar o crecemento e a modernización da economía galega.
Besteiro subliñou a necesidade de ser conscientes da realidade económica do país para abordar con eficacia os seus retos porque, dixo, “Galicia medra, pero a un ritmo inferior ao resto de España”. Referiuse tamén ao problema do desaxuste entre oferta e demanda de emprego e á perda de talento mozo, unha cuestión, sinalou, agravada pola saída de miles de universitarios e universitarias cada ano.
Respecto ao reto demográfico, Besteiro destacou que o informe do Consello de Contas evidencia a falta de coordinación das políticas en materia de poboación e “non podemos permitirnos deixar sen usar máis da metade dos fondos destinados á cohesión territorial”. Para afrontar esta situación, propuxo despregar políticas integradas que revitalicen o rural e combatan o despoboamento das provincias de Lugo e Ourense. “Necesitamos acabar coas dúas Galicias, a do Norte e a do Sur”.
Outro dos puntos centrais da súa intervención foi a aposta pola reindustrialización “ambiciosa e sostible”. Besteiro defendeu a necesidade de incrementar o PIB industrial do 16% ao 20% e crear máis de 40.000 postos de traballo, grazas a un maior investimento en innovación e á xestión eficiente dos recursos renovables, como a enerxía eólica e o hidróxeno verde. Tamén reclamou unha maior execución dos fondos europeos dispoñibles para Galicia, “fundamentais para a transformación sostible e dixital do tecido empresarial”.
Besteiro concluíu reafirmando o seu compromiso de traballar “da man dos empresarios e empresarias que cada día fan Galicia un pouco máis grande Galicia” e recalcou que a escoita activa é imprescindible para deseñar políticas útiles e eficaces: “Este é o momento de actuar con ambición e planificación para non perder as oportunidades que Europa nos brinda”.
O coloquio rematou cun intercambio de propostas e reflexións, que puxo de manifesto a vontade compartida de promover un futuro de progreso e desenvolvemento para Galicia.