O candidato socialista á presidencia da Xunta visita a sede de Urovesa en Valga, que sinala como “o mellor exemplo da aposta do Goberno pola I+D galego e a automoción
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, apostou hoxe polo proxecto socialista de reindustrialización de Galicia “da man da enerxía, da I+D+i e das novas tecnoloxías”. Así o dixo na visita á sede de Urovesa, en Valga, unha empresa que destacou como “o mellor exemplo da aposta do Goberno polo I+D galego e a automoción”.
Besteiro apuntou que a empresa “coincide co novo ideal de empresas” que está a impulsar o goberno de Pedro Sánchez co obxectivo de “volver a que Europa sexa centro de produción intelixente e verde”. O tamén deputado socialista apostou por empresas que demostren “capacidade de adaptación e de medrar creando emprego” ata o punto de erixirse en “referencia nacional e internacional”, como neste caso.
Respaldou iniciativas como esta compañía galega, URO Vehículos Especiais S.A., especializada na construción de vehículos especiais e de gran tonelaxe, que “avanza cos novos tempos” e ten acadado “prestixio recoñecido”. Salientou a súa adaptación á reindustrialización en base ao coñecemento e o crecemento intelixente e a dixitalización cunha aposta pola tecnoloxía de primeira orde.
A empresa é referencia tamén pola súa “proxección” nos servizos públicos pola súa relación coas comunidades autónomas, as deputacións e os concellos á hora de impulsar un sistema industrial de automoción “moi presente” na vida cotiá dos cidadáns e das cidadás.
A compañía galega ten deseñado para o Ministerio de Defensa unha variante do seu vehículo estrela, un todoterreo dotado dun sistema de propulsión mediante pila de combustible de hidróxeno que o propio Besteiro tivo a oportunidade de probar durante a súa visita de hoxe.
Perte do Vehículo Eléctrico
Ademais, é unha das 21 empresas que integran o proxecto SoNNMESyC, beneficiario da primeira convocatoria do programa de axudas á cadea de valor do Perte do Vehículo Eléctrico e Conectado. Esta iniciativa recibirá un total de 32,8 millóns de euros, dos que 22,5 son axudas e outros 10,3 proceden de préstamos.
José Ramón Gómez Besteiro visitou a sede da empresa en Valga xunto co delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o deputado no Congreso David Regades, onde foron recibidos polo conselleiro delegado de Urovesa, Justo Sierra, e outros representantes da directiva.