No seu balance do 2024, criticou, entre outros problemas, que os centros de saúde “seguen sen pediatras”, que as listas de espera na atención primaria e hospitalaria “medraron” e que 400 persoas “morreron sen recibir axuda á dependencia”
Durante un almorzo informativo en Santiago, o secretario xeral do PSdeG chamou, de cara ao novo ano, a enfrontar o reto demográfico, aumentar as posibilidades industrais, potenciar as enerxías renovables e insistir na mellora dos servizos públicos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo esta mañá nun almorzo cos medios de comunicación o balance político do 2024. “En que cambiou a vida da inmensa maioria dos galegos e das galegas durante este ano? Desgrazadamente, empeorou”, dixo.
“Vemos que os centros de saúde seguen sen pediatras, as listas de espera tanto na atención primaria coma na hospitalaria medraron, 400 persoas morreron sen recibir axuda á dependencia, temos dificultades para desenvolver proxectos industriais debido á mala planificación e o sector das renovables está absolutamente paralizado”, enumerou o líder socialista entre os problemas que caracterizan o que cualificou como un 2024 “profundamente improdutivo”.
Fronte a ese déficit de xestión por parte do Goberno de Rueda, adiantou que o “impulso” do Partido Socialista se vai seguir dirixindo aos principais “retos de país”. Entre eles, apuntou o demográfico, aumentar as posibilidades industriais e potenciar as renovables, “que é onde reside unha parte moi importante do futuro de Galicia”, e, “sobre todo”, insistir en que os servizos públicos “teñen que estar mellor dotados a través do propio financiamento público”.
Por iso, mostrou o seu desexo de que “esa Galicia irreal que nos presentou o PP desapareza”, co fin de, “entre todos”, sermos capaces de dar voz “á Galicia real, esa que ten problemas e necesita a axuda de todos nós”.
O secretario xeral animou aos e ás socialistas a sumar esforzos de cara ao 15.º Congreso Nacional do partido, que se celebrará o 8 e o 9 de marzo e que se baseará “na igualdade e nos retos que Galicia ten por diante”. De cara a ese proceso pediu “unidade, traballo, responsabilidade e, sobre todo, pensar na Galicia real, traballando desde os concellos e desde o Estado, pero tamén facendo oposición real” alí onde é a súa responsabilidade.
“A comisión do paripé”
A preguntas dos xornalistas, referiuse a varias cuestións de actualidade, entre outras, o peche da comisión de investigación sobre o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro e a contratación da Xunta do PP. “O Partido Socialista xa profetizou no seu día que sería a comisión do paripé”, recordou sobre o resultado dun traballo que o PP formulou dende o inicio “empeñado en que non se soubese nada, non se coñecese nada, non houbese transparencia, non houbese liberdade nas comparecencias nin houbese información”. “Estaba claro que a querían pechar antes de que rematara o ano e así o van facer”, insistiu.
Tamén subliñou que a comisión debía poñer o foco acerca de “como actuaba en pandemia un Partido Popular que non tiña o mínimo rubor en contratar con amigos e familiares facendo uso do público para o beneficio privado”. Lamentablemente, isto non foi así.
Tal como adiantara en anteriores ocasións, Besteiro reafirmouse en que os socialistas seguirán “investigando e informando” á marxe de como se peche a comisión, para que as galegas e os galegos “saquen as súas propias conclusións”. Nese senso, non excluíu “ningunha posibilidade” para dar a coñecer os motivos do sobrecuste de 470 millóns no Cunqueiro e quen se beneficiou de “determinadas fórmulas contractuais” nunha época que “tantos galegos e galegas tiveron que sufrir mentres outros o que facían era aumentar os seus cartiños”.
Tamén a preguntas dos medios, explicou que os procesos internos do partido, coma o que hai aberto en Santiago, deben ser moi garantistas e non se pode interferir no labor das persoas responsables de levalos a cabo. Defendeu tamén que o socialista “é un partido onde un entra voluntariamente e debe desenvolverse conforme ás normas que voluntariamente e democráticamente nos damos”.
Sobre o proceso de primarias que se vai abrir en xaneiro, confirmou que presentará a súa candidatura e mostrou o seu “máximo respecto” por calquera compañeiro que dea o paso. “Estamos nun proceso de democracia total que, por certo, non vexo noutros partidos”, subliñou.