O candidato socialista á Xunta lamenta que o PP de Feijóo e Rueda votara en contra do uso do galego no Congreso español e pídelles que rectifiquen
Besteiro comprométese a “reforzar o peso de Galicia no exterior, da nosa cultura e do noso idioma”
Nunha xuntanza, Besteiro e Albares, abordaron tamén a alianza de Galicia e Portugal no AVE Vigo-Lisboa, que tamén está a frear o PP
Madrid, 30 de xaneiro de 2024.- O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro mantivo en Madrid unha xuntanza de traballo co ministro de Asuntos Exteriores de España, José Manuel Albares, na que lle agradeceu a petición que fixo a PP e VOX para obter unha postura unánime de España para o recoñecemento das linguas oficiais do Estado na Unión Europea e onde abordaron diferentes asuntos relacionados coa imaxe e presenza de Galicia no estranxeiro.
Besteiro, que foi o primeiro deputado nacional en empregar a lingua galega no Congreso dos Deputados, tamén agradeceu ao ministro de Exteriores o traballo realizado polo Goberno español para facer do galego unha lingua oficial da Unión Europea. “É un apoio rotundo para unha iniciativa que pon ao galego en pé de igualdade en relación con outras linguas” manifestou con orgullo.
Pola contra, dirixiuse a Rueda para que convenza ao seu partido “no respaldo ao Goberno de Pedro Sánchez para que a nosa lingua, a lingua dos galegos e galegas, sexa falada e escoitada nas institucións europeas”. Pediulle que “rompa amarras coa dependencia que ten de Feijóo e Madrid , que non queren que a nosa lingua, a nosa cultura, o máximo símbolo da nosa identidade, traspase fronteiras e poida falarse en Bruxelas”. Para concluír que como representante dos galegos debe rectificar “o vergoñento rexeitamento” que mantivo tamén o PP a que o galego se falara nas Cortes de España votando en contra e apremouno a “que deixe de amosar vergoña pola nosa lingua e sinta o orgullo de falala e de que se fale”.
Reforzar a identidade galega no mundo
Besteiro asegurou que “nos tres primeiros meses da nova lexislatura porá en marcha 25 actuacións que reforzarán a exterior de Galicia. Serán catro anos para elevar o peso e presencia de Galicia no mundo. A nosa terra, a nosa cultura e o noso idioma formarán parte da axenda real do meu goberno”, fronte as supostas estratexias aprobadas polo PP que “quedaron en papel mollado porque nunca houbo a vontade de realizalas”.
Unha acción para a que traballará “man a man” co Goberno de España para favorecer os intereses de Galicia no mundo e aproveitar sinerxias “mentres Rueda confronta co Goberno de España, eu cooperarei con el porque sei moi ben que desa unión, os grandes beneficiados serán os galegos e galegas.
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Besteiro e Albares abordaron tamén o respaldo do Goberno español á creación da macrorrexión atlántica que incrementará as opcións de desenvolvemento económico e industrial de Galicia. Besteiro e o ministro de Exteriores, lamentan, segundo destacou o candidato do PSdeG tralo encontro “que o PP estea a frear tamén esta alianza entre o noso país e Portugal”, xa que para os socialistas potenciar as relacións co norte de Portugal reforzará a presencia e participación desta eurorrexión na Unión Europea e propiciará o seu progreso.
Isto permitiría a defensa de asuntos tan sensibles como a política enerxética, a pesca ou a política agraria común, todos eles intereses que afectan a centos de milleiros de galegos.
Ambos socialistas coincidiron, do mesmo xeito, na importancia da conexión ferroviaria entre Vigo-Porto, recuperada polo Goberno de Pedro Sánchez, tras máis de 15 anos de abandono por parte do PP, e que cualificaron de “irrenunciable”.