O Delegado do Goberno en Galicia pide o voto para Paco Rodríguez en Ourense para “rematar co desorde e o desprestixio” ademais de para facer xustiza coa súa persoa
Paco Rodríguez anuncia que o PSdeG de Ourense pedirá a Facenda que se faga unha auditoría ao Concello de Ourense e suspender todas as contratacións en trámite e futuras
23 de maio de 2023. José Ramón Gómez Besteiro, lanzou este martes unha mensaxe dende Ourense dirixida a mobilizar á “maioría progresista” para que “non se durma, acuda a votar e confíe” no proxecto dos socialistas para as vilas e cidades galegas. E o único camiño “para que o luns non se teña que lamentar este pesadelo“, dixo en alusión ao goberno local de Ourense, e poda “pasar a páxina“ da alcaldía de Jácome.
Besteiro fixo estas declaración durante unha visita ás termas de Outariz, acompañado de distintos membros da candidatura local do PSdeG en Ourense, así como o propio cabeza de lista, Paco Rodríguez, que expuxo a recuperación do seu proxecto que tiña cando fora alcalde da cidade, que consiste en crear un “gran bulevar termal” coa humanización das inmediacións da estrada Nacional 120, unhas obras que propón Rodríguez que “din moito do que foi, do que é e do que tiña que ter sido este proxecto que aínda está forte, fértil, producindo ideas”, engadiu Besteiro.
Para o socialista lucense, “a 5 días das eleccións, aquí en Ourense hai partido” polo que “hoxe vimos a falar de proxectos de partido, de cousas para poñer en orde e, sobre todo, para poñer fin ao desorde que se está vivindo na cidade e este desprestixio que eu creo que é evidente que non axuda para nada á cidade, á comarca e á provincia, e eu creo que tampouco a Galicia”, alegou.
Son tres os aspectos que para Besteiro distinguen aos socialistas dos seus opoñentes políticos, o primeiro é “o orgullo polos nosos candidatos”, o segundo deles é “que temos proxecto para esta cidade, que se viu interrompido no pasado, pero que está de plena actualidade”, e o terceiro é “que temos ideas para o futuro, unha gran candidatura e un proxecto que vai a facer cambiar a faciana de Ourense”. “Temos en carteira moitas cousas que ofrecer aos cidadáns, mentres que outros pouco teñen que ofrecer máis que o desprestixio, a falta de proxecto e o desorde”, engadiu.
O tamén representante do Goberno do Estado en Galicia, apelou tamén a “todo o voto progresista” de Ourense e de Galicia “para rematar co desorde e desprestixio” e que a cidade “non teña que lamentar máis este pesadelo máis e poida pasar páxina”. Outro motivo que deu para asistir as urnas e “a xustiza dunha persoa que merece esa recuperación como Paco Rodríguez”.
AUDITORÍA DE FACENDA
O candidato local e exalcalde de Ourense, Paco Rodríguez, fixo un importante anuncio despois dos novos audios de Jácome que descobren presuntas tramas corruptas á hora de adxudicar contratos públicos. Os socialistas de Ourense solicitarán á Fiscalía que se faga unha auditoría sobre todas as contratacións dos últimos catro anos, así como “unha parálise automática e instantánea de calquera tipo de adxudicación” no Concello. Do mesmo xeito, pedirán de novo á Fiscalía que inicie unha investigación sobre os feitos.
O número un da candidatura do PSdeG de Ourense encontra que “todas as noticias sobre corruptelas, mordidas e demais son de absoluta gravidade”. E esa “gravidade dos feitos non permite esperar nin mañá nin pasado” e incidiu en que “están en sospeita todas as actuación en canto a contratacións dos últimos catro anos”.
Así mesmo, fixo referencia a unha publicación desvelada hoxe mesmo sobre un informe detallando estas prácticas ilegais, que os ex- edís de Democracia Ourensana que abandonaron o goberno local facilitaron, xa no ano 2020, ao entón número dous de Feijóo no PP galego e actualmente alto cargo no PP estatal, Miguel Tellado. Rodríguez denuncia que sabendo desta realidade os populares mantiveron no poder a Jácome e non puxeron esta información en coñecemento da Xustiza, polo que entende que “ten unha dimensión fóra da provincia” e apunta a un Feijóo ao que pide explicacións.