O portavoz do Grupo Socialista participa na rolda de xuntanzas co presidente do Parlamento e compromete unha oposición “firme, rigorosa e construtiva”, afastada da crispación da liña imposta polo PP en Madrid
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, confirmou hoxe que o PSdeG non apoiará ao candidato do PP na sesión de investidura porque “defendemos unha Galicia diferente”. Rexeitou o continuísmo que representa o PP e apostou decididamente pola blindaxe dos servizos públicos e un crecemento robusto e sostible que permita a creación de emprego de calidade.
Besteiro dixo que asistirán á Sesión de Investidura co ánimo de escoitar a proposta do PP pero sabendo que parten de “posicións radicalmente diferentes”, polo que “a nosa posición non é a de defender a candidatura de Rueda”. Subliñou que “non é o noso candidato nin o presidente que queremos para os próximos 4 anos” á fronte do goberno galego.
O responsable socialista sinalou que a liña continuísta coa xestión dos últimos 15 anos que representa o candidato do PP augura que “obxectivamente o noso voto sexa negativo”. Salientou que escoitará a proposta e responderá aos dous días, como está regulado, para contrastar co proxecto socialista para Galicia.
Logo da conversa co presidente do Parlamento, ratificou ademais que os socialistas farán unha oposición “firme, rigorosa e construtiva”, e que “non vamos participar” do modelo de crispación e do “todo vale” que está a despregar o PP en Madrid. Apuntou que “nin a sentimos nin nos sentimos cómodos facendo este tipo de oposición que non é construtivo para o debate”.
Transparencia
En resposta ás preguntas dos xornalistas, o portavoz do Grupo Socialista reclamou “transparencia e claridade” sobre a xestión do goberno galego durante a pandemia. Reclamou que clarifiquen tanto os contratos de material asinados durante aquela época como o destino dos 159 millóns de euros de fondos covid enviados polo Estado para sanidade que segundo sinalou o Consello de Contas non se sabe onde foron a parar.
Explicou que a Xunta ten que facilitar información e dar tódalas explicacións “motu proprio” para que non sexa necesaria unha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia porque, dixo, “se non hai nada que ocultar non hai nada que temer”.