Besteiro destaca a aposta do Goberno de Pedro Sánchez por Galicia e por esta infraestrutura, cun investimento global que supera os 123,6 millóns de euros: “mentres Rueda dedícase á confrontación, os socialistas seguimos traballando polo noso país”
Con 3,7 km de lonxitude, este túnel representa máis do 55% do percorrido total, tal e como sinalou o candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta logo dunha reunión de traballo co ministro Óscar Puente en Madrid
“Os socialistas seguimos traballando para conseguir unha Galicia máis competitiva. Esta semana comezou a escavación do túnel máis longo do acceso ferroviario ao Porto do Exterior da Coruña. Unha obra que custa 123 millóns de euros e é clave para o tráfico de mercadorías no Eixo Atlántico. Mentres Rueda dedícase á confrontación, nós seguimos empurrando a favor”, sinalou José Ramón Gómez Besteiro tras a reunión de traballo en Madrid co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Óscar Puente.
O candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta sinalou que os 3,7 km de lonxitude do túnel 1 convérteno no máis longo dos tres que integran o novo trazado e máis do 55% do percorrido total. Así, a escavación en mina iniciada onte comezou desde o emboquille 1, na contorna do polígono de Vío (A Coruña), localización onde a nova infraestrutura conectará co Eixo Atlántico ferroviario, tanto en dirección A Coruña como en sentido Santiago de Compostela. O custe global deste acceso supera os 123,6 millóns de euros.
O tamén presidente da Comisión de Transportes do Congreso de Deputados resaltou que este novo fito súmase á recente finalización da escavación do túnel 2 (de 746 m), o máis próximo ao Porto, que xa se emprega para o tránsito de camións e maquinaria de obra, evita o tráfico de vehículos pesados polas zonas urbanas próximas e “acurta as distancias de transporte e reduce a pegada de carbono da obra”.
Paralelamente, explicou Besteiro, na zona de Suevos, e tras finalizar e poñer en servizo o paso superior da estrada CP 0503, continúa a execución de elementos da traza ferroviaria e as instalacións auxiliares asociadas aos inminentes traballos de escavación do túnel 1 desde o seu emboquille 2.
Xunto á obra civil de plataforma (movementos de terras, drenaxes, estruturas, túneles, integración ambiental, etc.), a actuación contempla a execución da superestrutura de vía;as instalacións de autoprotección do túnel; as de seguridade e comunicacións; e os edificios de control técnico.
Acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña
O acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña (6,7 km) conectará as instalacións de Punta Langosteira co Eixo Atlántico en servizo. Unha infraestrutura que discorrerá en túnel na súa meirande parte (tres túneles e tres galerías de evacuación, con 5,3 km) cunha vía única en ancho ibérico, na súa primeira fase, prevéndose a súa adaptación posterior ao ancho estándar coa montaxe sobre travesa polivalente. O deseño proposto, así mesmo, é compatible coa futura electrificación deste acceso.
A actuación responde aos acordos establecidos no convenio asinado entre o Mitma, Adif AV/AV, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña (APAC), polos que Adif AV/AV licita e executa as obras promovidas pola APAC. A nova infraestrutura ferroviaria incorporarase á rede ferroviaria, asumindo a APAC a súa titularidade e administración.
Financiamento europeo
O proxecto é financiado na súa totalidade co Mecanismo de Reconstrución e Resiliencia (MRR) da Unión Europea (Next Generation EU), con fondos que serán asignados á Autoridade Portuaria da Coruña (APAC).