O secretario xeral do PSdeG defendeu dende a Feira do Butelo da Fonsagrada que o produto de proximidade prime nos contratos da Xunta, tal como consta na iniciativa do Grupo Socialista no Parlamento galego aprobada esta semana por unanimidade
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, animou hoxe desde A Fonsagrada a todos os galegos e galegas a unirse á manifestación a prol do galego que mañá terá lugar en Santiago. Trátase dun acto “que non vai contra ninguén, senón a favor do noso idioma, que temos que protexer e preservar”, asegurou.
Besteiro trasladou a importancia de potenciar o uso “do noso sinal de identidade máis íntimo”, como é o idioma propio, durante a súa visita á 28.ª Feira do Butelo, que esta fin de semana se celebra na localidade lucense. Tras o percorrido polos postos instalados na praza do Concello, destacou a importancia “da economía que se move en torno á gastronomía” en eventos que exaltan, en especial, os produtos de proximidade, “o que temos ao lado da nosa casa”.
Sinalou, nese senso, que o Grupo Socialista acadou esta mesma semana o voto unánime das formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia a unha iniciativa que ten como obxectivo primar os produtos locais nas contratacións públicas. O obxectivo é que os produtos de quilómetro cero “estean nos servizos públicos” que presta a Xunta de Galicia.
A iniciativa insta á Xunta a adoptar medidas concretas para garantir que os produtos de proximidade sexan prioritarios na contratación para colexios, hospitais e residencias, xa que a contratación pública representa preto do 20 % do PIB galego e constitúe unha ferramenta clave que podería empregarse para fortalecer a economía local, mellorar a calidade alimentaria e reducir o impacto ambiental. Reverteríase así a falta dunha estratexia clara por parte do Goberno galego nesa materia.
Ao tempo, esa aposta polos produtos de quilómetro cero non só repercutiría na economía a nivel local, senón que tamén se trata dunha cuestión de responsabilidade social e ambiental, con beneficios para os produtores galegos e galegas e para o medio.