O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG defendeu durante a súa visita á planta de Celega no Saviñao xunto ao presidente da Deputación lucense “a arma poderosa” que constitúen os recursos da PAC para xerar riqueza
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, animou hoxe ao sector primario galego a aproveitar os fondos europeos para “atraer máis valor engadido, máis desenvolvemento, máis riqueza, máis postos de traballo e mellor remunerados” a Galicia. O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista visitou as instalacións da leiteira Celega no Saviñao xunto co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a viceportavoz na Cámara galega, Lara Méndez, e alí lembrou que os socialistas defenden en Europa unha Política Agraria Común (PAC) que impulse a rendibilidade do sector primario e tamén a súa sostibilidade.
Como exemplo puxo que a planta de Celega vén de acadar tres certificacións de calidade ISO por parte de Aenor: o ano pasado respecto do benestar animal, e máis recentemente, en materia de xestión ambiental e de xeración cero de residuos.
Besteiro sinalou como o fenómeno cooperativo impulsa o aumento da produción no sector primario, pero tamén axuda a dar “un salto cara a calidade, a innovación e, por tanto, a manter o valor no país”. No caso de Celega, as cooperativas Lemos e Coreber adquiriron a planta no 2017 co fin de garantir a venda do leite dos seus socios e engadir á cadea de valor a transformación da produción.
A esa realidade contribuíron axudas procedentes dos fondos europeos, en concreto, do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, que serviron para financiar parte dos custes de diversas obras de modernización das instalacións, para facelas máis eficientes e sustentables.
“Os fondos europeos son un arma moi poderosa, pero non durará sempre, e, polo tanto, hai que saber aproveitala”, insistiu o secretario xeral do PSdeG sobre o resultado de “experiencias como a de Celega, absolutamente positivas e de futuro”.
José Tomé tamén valorou moi positivamente unha iniciativa que contribúe a manter no territorio o valor engadido, “transformando os produtos en vez de vendelos en bruto fóra”. Recordou que “un dos piares do traballo” da Deputación lucense é o apoio ao sector primario da provincia, polo que celebrou como “unha moi boa noticia” o “salto de calidade” que acadaron as cooperativas coa adquisición e modernización da planta do Saviñao.
O director xeral de Celega e da cooperativa Lemos, José Manuel Rodríguez, acompañou a Besteiro e Tomé durante a visita ás instalacións, sobre as que destacou os avances que se acadaron nos últimos anos en canto a innovación.
O xefe de fabricación, Carlos Momán, destacou que moitos deles enmárcanse nunha aposta pola sostibilidade, o respecto ao medio ambiente e a integración da fábrica no entorno.