O portavoz do Grupo Socialista sinala que a falla de política industrial do goberno galego, que tilda de “conformista”, derivou en que deixaran sen executar o 60 por cento dos fondos do Plan de Recuperación asignados a Galicia
Reclámalle ao presidente da Xunta que clarifique o financiamento do goberno galego a un proxecto que declararon estratéxico
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que o “escapismo” do presidente da Xunta co proxecto de Altri está a provocar “incertidume, medo e temor”. O responsable socialista empregou a primeira sesión de control da Lexislatura para esixirlle ao presidente da Xunta que dea “claridade, información e transparencia” sobre un proxecto que eles mesmos declararon estratéxico.
Besteiro comparou a resposta de Rueda coa percepción dos galegos e de galegas sobre as celulosas: “o único que saben é que botan fume e cheiran mal”. Así o dixo antes de subliñar que os galegos e galegas “temos dereito a demandar a información necesaria que garanta transparencia e certidume”.
Puxo o foco sobre as variacións do proxecto anunciado e defendido polo goberno galego, que inicialmente ía xerar “4.000 ou 2.500 empregos”, e despois de ser aberto á información pública quedouse en “menos de 500” para unha gran celulosa. Esixiulle ao goberno galego que explique se lle vai garantir financiamento público, o impacto medioambiental que vai provocar e as modificacións do mapa forestal de Galicia.
O responsable socialista censurou a estratexia de “conformismo” e “escapismo” do presidente da Xunta para agochar a falla de política industrial e “botarlle a culpa aos demais: balóns fora”, mentres renuncian a exercer as competencias propias do goberno galego en materia industrial. Como exemplo advertiu que a Xunta ten sen executar o 60 por cento dos fondos asignados a Galicia no Plan de Recuperación do Estado.
Explicou que segundo os datos oficiais, Galicia só executou 630 dos 1.545 millóns de euros asignados a Galicia mentres a Xunta adopta “a renuncia como política industrial”, perdendo un 21,67 pro cento de empregos na industria afastándose do obxectivo europeo dun 20 por cento de aportación do sector ao PIB galego.
Dixo que, como consecuencia da renuncia á política industrial dos últimos 15 anos de gobernos do PP, esta Comunidade Autónoma perdía 11.000 firmas empresariais e 72.000 empregos, reducindo a taxa de ocupación nun 5,92 por cento, a segunda máis baixa do Estado.
Resumiu que a falla de política empresarial e industrial do goberno galego provocou a perda do sector financeiro galego, a perda de R no sector das telecomunicacións, Unión Fenosa na enerxía, ou as empresas Fandicosta, Atunlo, Pescanova ou Conservas Albo no sector mar – industria. Continuou enumerando exemplos de “perdas irreparables e irrecuperables” consecuencia da falla de xestión do goberno galego, como foron Gamesa, Vestas, Poligal, Caramelo ou Isolux.
Lei do Litoral
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou o respecto á sentenza do Tribunal Constitucional sobre a Lei do Litoral de Galicia -que puntualizou que os socialistas non votaran en contra-, e subliñou que os socialistas “sempre” respectan as decisións do TC mentres, dixo aludindo ao PP, “outros din que é de parte ou un cáncer para o sistema democrático”, cando non lles da a razón.
Gran farsa
Por outras banda, a portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, presentou hoxe unha pregunta oral á conselleira de Industria para esixirlle que “dea a cara” pola “gran farsa” dos anuncios do goberno galego sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei. Alertou das diferenzas entre os compromisos para xustificar a súa declaración como estratéxico en 2022 e a realidade do proxecto sometido a información pública en febreiro de 2024.
Iglesias alertou de que o que en 2022 ía ser unha factoría ecolóxica que crearía “2.500 ou ata 4.000 empregos directos” pasou en 2024 a unha gran celulosa que reducía a estimación a apenas 500 empregos, e advertiu que “non vaia ser un xigante con pés de barro, como tantos anuncios infrutuosos do goberno galego”. Lembrou neste sentido a mina de ouro de Corcoesto ou os contratos coa petroleira mexicana Pemex”.
Dixo que os galegos e galegas “non dan atopado ningunha explicación da Xunta, que tanto presumía de fábrica” e demandan explicacións diante das “cousas raras” que acompañan ao que “ía ser o gran proxecto verde do PP e, de momento, o único que sabemos é que o PP está moi verde”. Advertiu que a declaración do proxecto estratéxico, segundo a Lei Galega de Proxectos Industriais de 2015, permite que teña prioridade na concesión de subvencións públicas.