“A historia da Coruña ten dúas velocidades, como ocorre en todas as cidades galegas: co Partido Socialista avanza e con todos os demais frea”
“Todas as grandes obras da Coruña levan o selo socialista. Iso mesmo imos facer en Galicia: poñela no lugar que merece”
“Pídolle a Rueda que deixe de poñer paus nas rodas das cidades galegas”, afirma na cidade da Coruña, onde o goberno de España está investindo 500 millóns de euros
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse hoxe dende A Coruña a traer a Galicia todo o que estea na súa man. Besteiro visitou a cidade coa alcaldesa Inés Rey para anunciar a remodelación da avenida de Alfonso Molina, que vén de adxudicar o Ministerio de Transportes por 18,3 millóns de euros, cos que o investimento do goberno de España na cidade suma 500 millóns de euros.
Besteiro sinalou que “a historia da Coruña ten dúas velocidades, como ocorre en tódalas cidades galegas: co Partido Socialista avanza e con tódolos demais frea”, e lembrou que “todas as obras da Coruña levan o selo socialista, e iso mesmo imos facer en Galicia: poñela no lugar que merece”. Así o dixo na visita á cidade xunto con Inés Rey, a deputada Obdulia Taboadela e o tenente de alcalde e secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage.
O candidato socialista acusou ao presidente da Xunta de poñer “paus nas rodas das cidades galegas”, e reclamoulle que deixe de dar “escusas de mal pagador”, antes de reivindicar un goberno socialista que garanta máis xestión, menos problemas co goberno de España e máis apoio aos concellos en lugar de estar pelexado con eles”.
Puxo en valor que o goberno central ten desbloqueado o proxecto de Alfonso Molina grazas á mediación da alcaldesa da Coruña, que permitiu “sacar do caixón as débedas do PP coa Coruña e investimos 26 millóns de euros en obras que solucionan problemas reais da cidade e a súa área metropolitana”. A obra é exemplo “do que faremos os socialistas na Xunta: darlle solucións reais aos problemas dos galegos e das galegas”.
Apuntou que esta actuación súmase ao investimento de máis de 500 millóns de euros que está a executar o goberno de España na Coruña, onde só en infraestruturas a cidade recibe en torno a 120 millóns de euros, incluíndo a mellora de Alfonso Molina, a Ponte Pasaxe ou a cuarta ronda, co obxectivo de mellorar a mobilidade.
Galicia moi presente
O candidato socialista sinalou que o novo goberno de Pedro Sánchez “ten moi presente a Galicia, e unha das débedas pendentes dos gobernos do PP eran as infraestruturas e a conexión das cidades”. Subliñou que “como sempre ocorreu na historia da Coruña, somos os socialistas os que sacamos os proxectos do caixón e poñemos á cidade no lugar que lle corresponde”.
Advertiu que “tódalas grandes obras da Coruña levan o selo socialista”, e citou a creación da Universidade, o Paseo Marítimo, a Cidade das TIC, a rexeneración da ría do Burgo ou a futura Axencia Española de Intelixencia Artificial. O mesmo sucede coa remodelación de Alfonso Molina, a principal arteria da cidade e imprescindible para unha boa comunicación coa área metropolitana.
Explicou que se trata dun proxecto “desbloqueado polos socialistas tras anos de parálise, polo que a alcaldesa pelexou en Madrid, e que pensa non só na Coruña do presente, con 120.000 vehículos diarios nesta avenida, senón que seguirá medrando no futuro”. A obra aportará, engadiu, maior fluidez do tráfico, maior seguridade viaria, reducir a pegada de carbono e diminuír a contaminación acústica.
As obras, que comezarán en 2024 e terán unha duración de 23 meses, contemplan novas vías de servizo laterais en ambos sentidos de circulación para reordenar os accesos e repor as dúas pasarelas peonís afectadas que cruzan a avenida. Sinalou que Transportes está a ultimar ademais o proxecto de integración ambiental e paisaxística desta avenida.
Inés Rey
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, criticou a discriminación da cidade por parte da Xunta e dixo que “só hai unha maneira de evitar que A Coruña siga a estar discriminada nos Orzamentos da Xunta, e ten o nome de José Ramón Gómez Besteiro”. Salientou a “fortaleza e solvencia” do candidato socialista, que “a diferenza doutros partidos está comprometido con Galicia e coa cidade da Coruña”.
Advertiu que “quedan poucos meses” para a convocatoria electoral en Galicia, que permitirá que “decidir libremente se queremos manter un goberno que discrimine á cidade da Coruña ou apostar por outra forma de facer política apoiando ás persoas e aos territorios” da man de Gómez Besteiro.