O delegado do Goberno en Galicia lamenta “a vergoña e pouca confianza” que senten os populares polos seus candidatos cando falan de converter o 28M nun plebiscito sobre Pedro Sánchez
Súmase á reclamación feita de maneira insistente polos alcaldes da zona para que a Xunta remate a autovía da Costa da Morte
O socialista José Ramón Gómez Besteiro emprazou ao PP a que “antes de vir pedir os votos veñan pedir perdón polo abandono no que están deixando esta comarca en infraestruturas e servizos”. Así o dixo na visita a Suxo, no concello de Muxía, xunto co alcalde e candidato socialista á reelección, Iago Toba.
Gómez Besteiro aludiu así ao remate da autovía da Costa da Morte, que aínda ten pendente o tramo Baio – Berdoias polo desleixo do goberno galego logo de que o PP lle perdoara á empresa adxudicataria a execución dos últimos 15 quilómetros no ano 2013. Advertiu que fronte á falla de xestión do PP “o que facemos os socialistas é traballar por solucionar os problemas” da cidadanía.
Lamentou ademais a “vergoña que sente o PP polos seus candidatos e pouca confianza na intelixencia dos cidadáns”, logo de que Alfonso Rueda se dixera “preocupado se nestas eleccións se elixe a Sánchez ou non”. Dixo que “ao final os veciños saben o que queren votar o 28M, e o que queren saber é se van ter servizos próximos, asistencia á Dependencia, boas infraestruturas, sen van ter luz, vivenda e se vai chegar ben a auga á casa”.
Aludiu así ao “pacto da vergonza” entre o PP e os concelleiros non adscritos do concello de Muxía, que impediron a constitución do último Pleno municipal, no que se ía aprobar un investimento de 250.000 euros para a mellora do abastecemento de auga en Suxo. O responsable socialista subliñou que “tódolos pactos en contra dos veciños son os pactos da vergonza” porque “non permiten que os pobos avancen e resolvan problemas como o abastecemento da auga”.
O candidato socialista á reelección, Iago Toba, sinalou que a cidadanía de Muxía está “indignada” pola actitude do PP xunto cos concelleiros non adscritos, que “renuncian a representar aos veciños e veciñas e facer a súa función” como membros electos da Corporación Municipal. Ratificou que os e as representantes do Grupo Municipal do PSdeG “somos representantes dos veciños dende o primeiro ao último día” do mandato.