O candidato socialista comprométese a priorizar o AVE de Galicia con Portugal mentres o candidato do PP está “preso” da estratexia de Ayuso e Feijóo de rexeitar a conexión con Galicia
Advirte que “nunca o PP de Galicia mandou menos en Madrid” e lamenta que “Rueda ten que chamar par ver o que lle deixan facer”
Redondela, 28 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe que “Rueda sáenos caro” en Galicia. Besteiro interveu nun acto político en Redondela diante de 300 persoas xunto coa portavoz do PSOE, Esther Peña, a cabeza de lista de Pontevedra, Elena Espinosa, e a alcaldesa Digna Rivas, onde lamentou que Galicia perde “moitos cartos e oportunidades económicas” polo pouco peso político do candidato do PP.
Apuntou que a falla de liderado de Rueda provoca que Galicia pague as consecuencias “do PP que manda, de Ayuso, aliada co PP de Portugal para rexeitar o AVE a Galicia e priorizar a conexión Lisboa – Madrid, diante da impasibilidade do candidato do PP galego. Subliñou que “non queremos a un Rueda calado, recibindo ordes de Madrid contra os intereses de Galicia”.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a priorizar o AVE Vigo – Oporto – Lisboa, que resulta “esencial para a nosa economía”, para o que conta co apoio dos socialistas de Portugal e advertiu que “isto vai de non perder máis oportunidades para Galicia”.
Anunciou que os socialistas van reclamar un pronunciamento expreso de Rueda e do PP para modificar os regulamentos europeos e incorporar a liña á Rede Transnacional Europea en abril, permitindo introducir pasaxeiros e mercadorías. Sinalou que co PP Galicia chega tarde á alta velocidade e agora ponlle paus nas rodas á conexión con Portugal, mentres tivo que ser un goberno socialista o que acelerara o paso para facer da alta velocidade unha realidade.
Reivindicou a xestión do goberno socialista para situar a AP-9 “no camiño da gratuidade”, polo que agora hai unha bonificación do 75 por cento das peaxes entre Ferrol e Tui, que partiu dos Orzamentos Xerais aprobados polos socialistas galegos en solitario hai 2 anos. Dixo que a decisión da gratuidade das peaxes “tomarase a través dun goberno durante 4 anos con Pedro Sánchez á fronte, pese a quen lle pese”.
Reivindicou a “receita da modernización e da reindustrialización” para traer máis industria a Galicia grazas ao seu potencial enerxético, que permita camiñar cara á cohesión social e territorial e despregar as infraestruturas pendentes. Apostou por xerar máis riqueza para así fortalecer o Estado do Benestar para mellorar a sanidade e ampliar a rede pública de residencias de maiores.
Logo de 15 anos de gobernos do PP de Rueda e Feijóo “botándolle a culpa a todo o mundo, é o momento de que Galicia lle diga non ao PP e si a unha Galicia mellor representada e liderada polo proxecto socialista”. Defendeu o “mellor equipo, as mellores candidaturas, con experiencia, ambición por mudar o país e facelo mellor” de cara a un futuro “de prosperidade” no que Galicia “non vai dar a calada por resposta” e vai defender os seus intereses.
A fin do réxime
A portavoz do PSOE, Esther Peña, chamou á mobilización para “impulsar o principio do fin do réxime do PP en Galicia” e iniciar “a mudanza que tiñamos que ter iniciado hai moito” da man dun Besteiro que é garante de “líder e equipo”. Animou aos socialistas galegos a “gobernar ben a partir do 18 F, porque estamos completamente mobilizados, absolutamente motivados e moi orgullosas e orgullosos de Besteiro e do que representa”.
Peña engadiu que as mulleres van ser “protagonistas do cambio en Galicia” fronte a un PP que ten votado en contra de ampliar o dereito de lactancia e, engadiu, “vamos ser as primeiras en dicirlle ao PP que por aquí non, somos a metade da poboación, e queremos e temos dereito” a protagonizar o futuro de Galicia.
Subliñou que o próximo 18F compre escoller entre “besteiro ou a inercia, os ultras e a resignación”, cun PP “desnortado, descarrilado, con medo e sen liderado”. Salientou que “acabouse de vivir da pasividade, toca transformar Galicia con ambición e sen medo, con Besteiro presidente”.
A cabeza de lista por Pontevedra, Elena Espinosa, apuntou que o candidato socialista é “a persoa na que todos temos que depositar a nosa confianza” para “facer que o país cambie definitivamente” para unir aos concellos co goberno “sen discriminar a ninguén, como fai a Xunta dirixida polo PP”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, pediu o apoio para que Besteiro “leve Galicia cara novos horizontes” logo de 15 anos dunha Xunta “incapaz de asumir os retos do futuro”. Reclamou unha Xunta que apoie aos concellos independentemente da súa cor política e dirixiuse ao candidato socialista para sinalar que “Redondela vaiche dar sorte coma ti ma deches a min” cando era candidata.