O candidato socialista á presidencia da Xunta insta a Rueda a aprender do Ente de Enerxía Vasco, 100% público, e transparente
Besteiro asistiu en Madrid ao almorzo informativo protagonizado polo candidato socialista vasco, Eneko Andueza
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Rueda de crear “un novo chiringuito” para a xestión dos recursos naturais de Galicia, en alusión á sociedade mixta de xestión Recursos de Galicia, constituída o pasado 13 de novembro. Así o dixo logo de asistir en Madrid ao almorzo informativo protagonizado polo candidato socialista no País Vasco, Eneko Andueza.
A creación deste novo ente “opaco”, dixo, evidencia que o presidente galego “non sabe xestionar” a riqueza “evidente” de Galicia como territorio enerxético, e que “ademais ten que pensar tamén na protección do noso territorio”. Lamentou que esta entidade non soporta a comparación co Ente Vasco de Enerxía, que é “un modelo de empresa pública que defende ben os intereses do país”.
O deputado no Congreso advertiu que “cando facemos comparacións entre os gobernos vasco e galego evidencian que a Rueda lle falta impulso e ambición na xestión da Xunta”.
Besteiro defendeu o papel do socialismo vasco para impulsar os avances despregados no País Vasco, e que son “un bo exemplo do que queremos en Galicia”. Reivindicou os “grandes acordos” en materia de educación, vivenda ou en industria, onde “o peso dos socialistas foi significativo”.
Así o dixo esta mañá no almorzo informativo co secretario xeral do PSPV organizado polo Forum Europa, no que estivo acompañado pola ministra de Educación, FP e Deportes e portavoz do goberno, Pilar Alegría, a de Facenda, María Jesús Montero, o titular de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, e a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant.