Fronte a estas prácticas, o PSdeG propuxo unha batería de medidas para reforzar a transparencia e garantir o bo funcionamento das institucións: regular os lobbys, facilitar un acceso áxil e veraz á información pública e endurecer as normativas sobre conflitos de interese
O portavoz do Grupo Socialista puxo como exemplo paradigmático o Hospital de Vigo. “Pretenden explicar que cambiaron o proxecto do hospital porque había crise, e a súa solución foi facelo máis pequeno e 470 millóns de euros máis caro. É absurdo!”
Gómez Besteiro tamén se referiu ao papel do Goberno galego nos medios públicos, asegurando que “o control partidista chegou a extremos lamentables”. “A este paso, só lles falta levar o plató dos informativos á sede do PP
José Ramón Gómez Besteiro, portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, cargou hoxe no Pleno do Parlamento contra o Goberno do PP, acusándoo de “converter a transparencia institucional nun mero eslogan” e de actuar como se as institucións fosen “o salón da súa casa”. Durante a súa intervención, denunciou a opacidade na xestión pública, o abuso das contratacións a dedo e o bloqueo deliberado de información en comisións de investigación parlamentarias.
Gómez Besteiro puxo como exemplo paradigmático o Hospital de Vigo. “Pretenden explicar que cambiaron o proxecto do hospital porque había crise, e a súa solución foi facelo máis pequeno e 470 millóns de euros máis caro. É absurdo!”, criticou. Ademais, lembrou que o Goberno do PP avalou esta decisión cun informe de PwC que custou máis de 20.000 euros. “Pagaron 1.000 euros por páxina para xustificar un gasto que só beneficia aos seus. É unha mestura de incompetencia e complicidade que non se pode tolerar”, afirmou.
O portavoz socialista tamén denunciou a estratexia do PP para vetar comparecencias clave na comisión de investigación parlamentaria, incluída a do expresidente Alberto Núñez Feijóo, e a ocultación de documentos relacionados coa fusión das caixas e a contratación pública. “Esta actitude non só é un insulto ás institucións, senón que é a proba de que saben que son culpables e que Feijóo foi o cabecilla desta trama. Pero, señor Rueda, bloquear a transparencia non o exime de responsabilidades”, recriminou.
Sobre os contratos menores, Gómez Besteiro destacou que en 2022 a Xunta adxudicou máis de 2.200 millóns de euros a dedo, convertendo a Galicia na comunidade autónoma líder neste tipo de prácticas. “E por que temos que falar de 2022? Porque vostedes levan dous anos sen publicar máis datos. Vostedes converten a contratación pública nunha ferramenta para fortalecer o seu partido e beneficiar aos seus”, acusou.
Na súa intervención, Gómez Besteiro tamén se referiu ao papel do Goberno galego nos medios públicos, asegurando que “o control partidista chegou a extremos lamentables”. “A este paso, só lles falta levar o plató dos informativos á sede do PP. É unha manipulación intolerable que só busca tapar as súas vergoñas”, criticou.
Fronte a estas prácticas, o PSdeG propuxo unha batería de medidas para reforzar a transparencia e garantir o bo funcionamento das institucións: regular os lobbys, facilitar un acceso áxil e veraz á información pública e endurecer as normativas sobre conflitos de interese. “Democracia non é só votar, señor Rueda. É tamén exercer dereitos e cumprir obrigas. E a súa obriga como presidente está, se cabe, por riba de todas”, lembrou o portavoz socialista.
Para rematar, Gómez Besteiro lanzou unha mensaxe clara: “Non permitiremos que a Xunta siga sendo un instrumento ao servizo do PP. Galicia merece un goberno que respecte as súas institucións, que sexa transparente e que dea respostas á cidadanía, non que esconda os seus erros detrás de papeis desaparecidos, vetos e manipulacións. A democracia galega merece moito máis”.