O espazo de debate promovido polo Grupo dos Socialistas e Demócratas do Parlamento Europeo en paralelo ao 15.º Congreso Nacional, da man do eurodeputado socialista Nicolás González Casares, abordará esta tarde o papel de Galicia na xeopolítica actual
O secretario xeral do PSdeG, na inauguración: “Este espazo de encontro preséntase hoxe máis necesario ca nunca porque en tempos de incerteza e grandes desafíos precisamos respostas valentes e progresistas, que garantan os dereitos e as liberdades da cidadanía”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro inaugurou hoxe a Ágora de Debate Europa “co foco posto en tres emerxencias que marcan o futuro da nosa sociedade: a da vivenda, a democrática e a lingüística”. O foro de discusión, promovido polo Grupo dos Socialistas e Demócratas do Parlamento Europeo da man do eurodeputado Nicolás González Casares, botou a andar esta mañá tras o plenario do 15.º Congreso Nacional do PSdeG.
“Este espazo de encontro preséntase hoxe máis necesario ca nunca porque en tempos de incerteza e grandes desafíos precisamos respostas valentes e progresistas, que garantan os dereitos e as liberdades da cidadanía”, explicou o líder socialista durante a inauguración dunha actividade paralela ao Congreso que ten como obxectivo “debater alternativas, solucións e estratexias para problemas que nos afectan”.
O programa comezou coa mesa “A UE ante a nova xeopolítica: a derivada galega”. O secretario xeral, acompañado polos participantes, advertiu que Europa e o mundo enfrontan unha amenaza que non se pode subestimar, como é o avance da extrema dereita e dos ultranacionalismos, que aspiran a “desmantelar os dereitos e as liberdades”. De modo que a democracía “é un ben que debemos protexer cada día, con compromiso e políticas xustas, e con gobernos que defendan o interese xeral fronte aos privilexios duns poucos”, dixo.
Para a tarde está programado o coloquio “A crise da vivenda: un problema europeo”. “Esa crise habitacional é unha realidade innegable en Galicia”, asegurou Besteiro. Apuntalou esa afirmación nun dato: máis de 19.000 persoas “atopan enormes difucultades para acceder a un fogar digno a prezos asumibles”. Criticou, ao tempo, que iso acontece “mentres os fondos voitre e a especulación marcan as regras do xogo ante a pasividade do PP.
José Ramón Gómez Besteiro referiuse finalmente ao “perigo” no que se atopa a lingua galega, que é “identidade, cultura, historia e futuro”, e reclamou apoio “para que siga viva”. “Defendela non é unha opción, é unha responsabilidade”, dixo.
O secretario xeral do PSdeG concluíu afirmando que “só desde o progreso, a xustiza social e a igualdade se pode construír un futuro mellor para Galicia e para Europa”.
No primeiro dos debates interviñeron a directora de gabinete adxunta do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Adriana Viz Fernández; o secretario do PSOE Exterior e membro da Asemblea Parlamentaria da OTAN, o senador César Mogo, e o secretario de Política Europea e de Transformación Dixital do PSdeG, o eurodeputado Nicolás González Casares. Moderou o secretario de Análise e Prospectiva do PSdeG, Iván Puentes.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a tenente de alcalde e responsable das áreas de Urbanismo e Vivenda no Concello de Vigo, María José Caride; o secretario de Estudos e Programas do PSOE, ademais de voceiro de Vivenda no Senado, Javier Izquierdo, e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval debaterán sobre a situación da vivenda. Encargarase de moderar a secretaria de Política Económica e Transformación Dixital do PSOE, Enma López Araújo.
A continuación, a mesa dedicada á situación da lingua galega contará coa participación da deputada galega e directora en excedencia da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, e o catedrático de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo e exmembro do comité de expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, Fernando Ramallo, coa moderación de González Casares.