O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia retomará a primeira medida aprobada polo goberno do socialista Touriño e a primeira que tumbou o PP de Feijóo e Rueda
Besteiro ampliará a FP Dual a todas as titulacións para favorecer a empregabilidade do alumnado que completará os seus estudos con formación práctica na empresa e implantará novas modalidades estratéxicas
Alégrase de que Rueda rectifique e apoie a medida socialista para que tamén sexan de balde as matrículas na universidade que tantas veces rexeitou no Parlamento
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Santiago que “a primeira medida que tomarei como presidente da Xunta será aplicar a gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio para todos os nenos e nenas que estudien en centros públicos ou concertados. Foi a primeira que aprobou o goberno socialista de Touriño e a primeira que tumbou o PP de Feijóo e Rueda. Será a primeira que eu recupere”.
Esta medida suporá un aforro para as familias dunha media de 600 euros por escolar só ao comezo do curso. Un desembolso importante que é necesario cubrir, segundo Besteiro, porque “a igualdade de oportunidades pasa, necesariamente, por unha educación pública de calidade e gratuíta”.
Besteiro anunciou unha nova Lei de Educación de Galicia que contemple as novas necesidades como a loita contra o acoso e o ciberacoso escolar; a prestación de servizo de atención psicolóxica gratuíta e a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais con reforzo de profesorado especializado e dotación de recursos.
A nova lei contemplará tamén “a rebaixa do número actual de nenos e nenas por mestre e reverterá os recortes no sistema educativo dos gobernos de Feijóo e Rueda, para realizar unha recuperación progresiva das condicións de traballo do profesorado existentes antes da chegada dos gobernos do PP”, como o aumento de docentes e a súa estabilización. Celebrou tamén o anuncio do presidente Pedro Sánchez de que o Goberno español destinará máis de 500 millóns de euros ao reforzo das matemáticas e a comprensión lectora do alumnado español.
O candidato socialista á Xunta si que expuxo a súa proposta para Formación Profesional Dual “que impulsaremos en todas as titulacións e con novas modalidades, especialmente as estratéxicas, como as vinculadas aos sectores produtivos máis implantados no país que precisan dun relevo xeracional máis innovador e técnico; as que presentan máis necesidade de persoal cualificado e as que teñen maior potencialidade de futuro”. Para Besteiro é necesario “incentivar ás empresas galegas e contar co seu apoio para completar a formación con prácticas”. “A FP Dual aumenta a capacitación do alumnado e as súas posibilidades de emprego, xa que completan os seus estudios con formación práctica o que lles da a experiencia necesaria para entrar no mundo profesional”.
Fronte ao triunfalismo do PP de Rueda, Galicia vai tamén por baixo da media española canto ás novas matrículas de FP. “Os socialistas garantimos prazas públicas para as FP con maior taxa de empregabilidade, de xeito que non haxa quen quede fóra por motivos económicos” dixo Besteiro, que tamén se comprometeu a “ampliar o número de becas”. Apuntou o candidato socialista que “fortaleceremos o sistema de bolsas que o PP ten desmantelado e demandaremos a transferencia das que xestiona o Ministerio” e incrementará as axudas Erasmus tanto en Secundaria como nas universidades.
Non se esqueceu Besteiro dos adultos e colectivos que precisan de formación para súa reinserción laboral aos que proporcionará programas de cualificación e recualificación coa flexibilidade necesaria para facilitar a súa participación e saída profesional.
Canto á formación superior, Besteiro defendeu a proposta socialista -rexeitada en varias ocasións no Parlamento de Galicia polo PP e Rueda- de que a primeira matrícula da universidade sexa de balde e ironizou: “nunca é tarde”. Besteiro xa aplicou esta medida no Campus de Lugo hai dez anos así que “é bó que Rueda copie agora esta medida socialista”. Trasladou as novidades en relación coa educación universitaria á reunión que manterá cos tres reitores galegos.
Xunto ao candidato socialista compareceron as candidatas Patricia Iglesias e Mayra García e o exreitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde amais do voceiro de Educación no Parlamento, Luis Manuel Álvarez, xunto con outros membros das listas e representantes das Xuventudes Socialistas.