O líder dos socialistas galegos contrapuxo no Debate sobre o Estado da Autonomía a Galicia do Telexornal coa realidade social: vivenda inaccesible, sanidade colapsada, alugueiros desorbitados e mocidade sen expectativas
Gómez Besteiro celebrou a retirada dos fondos europeos a Altri: “É unha boa nova para Galicia. Boa, pero non nova: nós xa o diciamos.” E pediu explicacións a Rueda por comprometer axudas públicas nun modelo insostible
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista presentou propostas fronte á inacción: Banco Público de Alugueiro, atención sanitaria en 48 horas, novo modelo de residencias, Plan para a mocidade, Pacto Local e Lei de Memoria Democrática. “Porque Galicia merece máis que celebracións”
“Hai un ano prometeu que non ía caer na autocompracencia. Desde entón, non fixo outra cousa: festa polos cen días, festa pola investidura… só lle faltou unha verbena polo primeiro Consello da Xunta.”
Así abriu José Ramón Gómez Besteiro a súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía. Con ironía, cifras e propostas, o secretario xeral do PSdeG retratou a realidade de Galicia e dun presidente “atrapado nos seus complexos” e “máis preocupado polos actos que polo que pasa de verdade”. “Señor Rueda, hai quen confunde responsabilidade coa defensa dos privilexios. E iso, sinceramente, non é gobernar, é clasismo”, remarcou.
Besteiro contrapuxo a Galicia que a Xunta intenta mostrar “no Telexornal” coa Galicia real, “a que sofre mentres vostede celebra”:
– Con 20.660 familias agardando por unha vivenda pública.
– Máis de 300.000 persoas en listas de espera sanitarias.
– Alugueiros disparados un 60 % na última década.
– E unha mocidade que marcha por falta de futuro.
“E vostede veña a celebrar. Celebra moito. Pero, dígame, señor Rueda: que é o que realmente celebra vostede?”, preguntou.
Sobre as residencias, o líder socialista advertiu que “Galicia ten 3 prazas por cada 100 maiores, un 30 % por baixo da media estatal. Faltan 8.000 prazas. E vostede sábeo”. Denunciou que a Xunta mantén un modelo “que recorta en coidados e favorece empresas que buscan beneficio”, mentres o PSdeG defende un modelo público, “como os centros pequenos que impulsamos en Lugo”.
Criticou tamén a falta de resposta e a inacción de Rueda ante os grandes desafíos. Citou o proxecto de Altri como exemplo: “Non é sostible nin ambiental, nin economicamente, nin en cifras de emprego. Se fose polo socialismo galego, recibiría cero euros públicos”.
E tras confirmarse hoxe que o proxecto non recibirá financiamento europeo, engadiu: “É unha boa nova para Galicia. Boa, pero non nova: nós xa o diciamos. Agora tócalle a vostede explicar por que fixo deste erro a súa única aposta industrial.”
Sobre o modelo produtivo, afirmou: “Galicia inviste máis na CRTVG que na investigación universitaria. Cinco veces máis no Xacobeo que na investigación sanitaria. Así non se retén talento, así pérdese”. E advertiu que “outros territorios avanzan, pero aquí seguimos perdendo tempo”.
Acusou tamén á Xunta de renunciar á transición ecolóxica: “Temos vento, temos auga, temos sol… e vostede frea as renovables, improvisa unha comercializadora opaca e non impulsa comunidades enerxéticas locais”. E engadiu: “A transición non pode ser algo que nos pase por riba. Ten que ser algo que lideremos”.
Falou da crise do medio rural e do abandono do sector primario: “O marisqueo está en declive e vostede observa. A Xunta deixou caer o Grupo Lácteo Galego. Non se protexen as explotacións familiares nin se garante o relevo xeracional”. Lembrou que o PSdeG impulsou no Parlamento medidas como o apoio ao consumo de proximidade e a defensa da produción local. “Pero vostede, nin as impulsa nin as aplica”.
Denunciou tamén que “a Xunta segue sen poñer unha rede pública de transporte por estrada que complemente o ferrocarril” e que “non resolve o illamento de Ferrol, nin mellora as conexións de Lugo”. E lembrou que “as bonificacións da AP-9 e da AP-53 non son grazas ao PP, senón ao traballo do Partido Socialista”.
Sobre as competencias da Xunta, Besteiro foi claro: “Non parece cómodo no Parlamento nin coas competencias da Xunta de Galicia. Porque lonxe de asumilas, vostede bota balóns fóra de xeito permanente.”
“Falamos de dependencia, de vivenda, de sanidade, de política social, de apoio á lingua… E vostede sempre sinala a outro. Nunca fai nada. Pero os galegos e galegas saben cal é a súa responsabilidade.”
Igualdade e memoria democrática
En materia de igualdade, advertiu: “As entidades que traballan pola igualdade están quedando soas. E vostedes pactan con quen nega a violencia machista. Iso tamén é violencia institucional”. Lembrou que as casas de acollida carecen de recursos, os centros de atención están desbordados e a resposta institucional “é insuficiente e irresponsable”.
Na memoria democrática, denunciou que Galicia segue “instalada na desmemoria” e acusou ao PP de “non querer lembrar, porque lembrar é recoñecer que houbo quen loitou pola liberdade, e a historia que nunca queren contar”.
Fronte á inacción do goberno galego, o líder socialista presentou alternativas reais:
– Banco Público de Alugueiro para mobilizar 5.000 vivendas.
– Reforma legal para garantir atención primaria en 48 horas.
– Novo modelo de residencias públicas, pequenas e de proximidade.
– Plan de Primeira Oportunidade para a mocidade.
– Lei galega de Memoria Democrática.
– Pacto Local cun reparto transparente e xusto dos fondos aos concellos.
Finalmente, o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista pechou o seu discurso cunha mensaxe clara: “Non estamos para celebrar grandes éxitos. Estamos para facer o traballo que hai que facer. Porque, por riba de todo: é posible unha Galicia mellor. Temos dereito a unha Galicia mellor. Merecemos unha Galicia mellor.” Porque, continuou, “Galicia non é un plató da CRTVG, señor Rueda. Empece a traballar e deixe de celebrar.”