A deputada socialista compromete que o PSdeG vai defender a mellor posición para os intereses dos galegos e as galegas tras escoitar aos expertos na comisión parlamentaria sobre a materia, constituída esta mañá
A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, asegurou hoxe que o PSdeG “vai buscar a postura que máis beneficie a Galicia e, por conseguinte, aos galegos e ás galegas” na reforma do sistema de financiamento autonómico.
Así o expresou esta mañá, en declaracións aos medios, tras a constitución no Parlamento da nova comisión especial e non permanente para abordar a proposta de Galicia nesta materia.
Begoña Rodríguez Rumbo sinalou que o Grupo Socialista afronta o traballo que se abre a partir de agora con vocación de consenso. “Nós”, proclamou, “sempre ofrecemos a nosa man tendida para chegar a acordos e para que eses acordos sexan os mellores para a nosa comunidade e para os seus cidadáns”.
Nese obxectivo, lembrou que Galicia ten peculiaridades e reivindicacións que “son iguais a outras autonomías e outras que nos diferencian”, polo que haberá que “chegar a un acordo con respecto a diferentes aspectos”.
En calquera caso, indicou que “imos escoitar en primeiro lugar o que nos din os expertos, que son as persoas que mais saben e levan moitos anos traballando neste tema” e, a partir de aí, “tendo en conta tamén cal ten sido a nosa postura durante estes anos, chegar a unha conclusión” que sexa a máis beneficiosa para os intereses de Galicia.