A viceportavoz do Grupo Socialista esixe situar ao feminismo e á igualdade “no centro de todas as políticas” ou “seguiremos tendo desigualdade e menores dereitos para as mulleres”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reivindicou hoxe facer do feminismo e a igualdade “o centro de tódalas políticas” porque “as mulleres galegas nos queremos iguais, libres, vivas e sen teitos de cristal”. Coincidindo coa celebración do 8M, a responsable socialista centrou a sesión de control ao presidente na falla de compromiso do goberno galego coa igualdade máis alá da “publicidade e propaganda”.
A responsable socialista criticou que as políticas da Xunta “carecen dun enfoque feminista”, máis alá de “encher o peito con plans estratéxicos que nin avalían nin se atreven a presentar os resultados da súa pésima xestión”. Aludiu ao Plan de Igualdade no ensino, que 3 anos despois do seu remate o goberno galego segue sen presentar as súas conclusións e se nega a aprobar un segundo plan “que reclama toda a comunidade educativa”.
Explicou que o goberno galego se nega a implantar nas escolas a educación afectivo – sexual contravindo a lexislación actual porque “consideran que é cousa das familias”, demostrando “moi pouca preocupación pola loita contra a violencia sexual”. Así o demostra que a día de hoxe carezan de Plan de Igualdade para a administración autonómica que é obrigatorio dende 2007, ou que aínda non presentaran a Lei de Igualdade que anunciaron hai un ano.
Reivindicou “fronte ao negacionismo, feminismo”, parafraseando o lema da campaña do PSdeG con motivo do 8M, e criticou que o goberno galego “meteran nun caixón o Plan Integral de Saúde da Muller” elaborado polo goberno presidido polo socialista Touriño. Criticou que continúen “sen asumir que os corpos e a saúde das mulleres non poden seguir sendo rexidas por unha perspectiva androcentrista”.
Censurou que o presidente da Xunta presuma que “van cumprir coa nova lexislación con respecto ao dereito ao aborto” ao mesmo tempo que “seguen financiando entidades antiabortistas que vostedes meteron no sistema”. Cuestionou finalmente o compromiso do goberno galego na loita contra a violencia machista cando están a diminuír os recursos propios na materia cando “diminúen os recursos propios” destinados a este asunto.
Begoña Rodríguez Rumbo criticou que “sigan sen comprometerse coa transversalidade da igualdade” mentres as mulleres galegas “seguimos tendo desigualdade e menos dereitos”. Reclamou “admitir sen medo que somos feministas” e sinalou que as mulleres, que son o 52 por cento da poboación galega, “esiximos ter os mesmos dereitos e as mesmas condicións de acceso que o outro 48 por cento”.
Fixo un relatorio das desigualdades reais no ámbito laboral, onde a fenda salarial supón que as traballadoras galegas perciban 5.000 euros menos ao ano que os homes polo mesmo traballo, que padecen unha taxa de actividade 6,7 puntos menor que a masculina, a taxa de ocupación está un 6,9 por cento por debaixo e a taxa de paro é un 1,7 por cento superior.
Advertiu que as mulleres “tamén sufrimos desigualdade na corresponsabilidade” pola imposición da “lóxica patriarcal”, que destina aos homes ao ámbito produtivo e ás mulleres ao reprodutivo”, nunha materia na que o goberno galego ten “todo por facer” por canto “non teñen desenvolvido ningunha acción de calado” a pesares dos acordos parlamentarios aprobados.
Acusou ao goberno galego de levar 14 anos sen facer “nada” en corresponsabilidade para corrixir a desigualdade que leva a que haxa 3 mulleres por cada home con redución de xornada, xa que 115.000 mulleres traballan a tempo parcial fronte a apenas 35.000 homes, e o 88 por cento das persoas que solicitaron unha excedencia por coidado de fillos e fillas en 2021 foran mulleres.